Redondela distribuirá funís gratuítos para axudar a reciclar o aceite doméstico usado

Publicidad

O Concello de Redondela vén de sumarse á celebración do Día Mundial da Auga que se conmemora o vindeiro 22 de marzo como recordatorio da importancia que ten e auga no ciclo da vida e, por ese motivo, contribuír a mantela fora de calquera fonte de contaminación. Con ese obxectivo, dende o vindeiro día 21 de marzo, o Concello de Redondela distribuirá gratuitamente funís ou embudes que faciliten o enchido de botellas con aceite doméstico usado para, posteriormente, depositalas nos contedores de reciclaxe de aceite existentes no municipio.

Os funís poderán ser recollidos, ata final de existencias e totalmente de balde, na Casa do Concello, no Multiúsos da Xunqueira de Redondela e no Multiúsos Piñeiral do Crego de Chapela. A alcaldesa Digna Rivas lembrou a importancia da reciclaxe de aceite doméstico dado que, tal e como demostran os diferentes estudos científicos, “tan só 1 litro de aceite contamina 40 000 litros de auga, que é o equivalente ao consumo dunha persoa no seu domicilio durante todo un ano”.

Rivas amosou o seu convencemento que “os pequenos xestos que cada un de nos poidamos realizar nos nosos fogares e en actividades cotiás, como a reciclaxe de aceite de cociña, son fundamentais á hora de conservar o noso medio ambiente”. “O Concello de Redondela –asegura a alcaldesa– priorizou sempre a defensa do medio ambiente nas súas actuacións como o demostran iniciativas desenvolvidas dende o Goberno local tendentes a fomentar a compostaxe ou a diminuír a utilización de plásticos”.

Salir de la versión móvil