O Concello de Redondela pon en marcha a nova web de turismo, concibida como unha ferramenta de utilidade para as persoas visitantes ou para a propia veciñanza pero, sobre todo “como elemento dinamizador para sectores locais da hospedaxe e a hostalaría”.
A iniciativa do departamento que xestiona María Castro Abad, quere ser un escaparate “atractivo e dinámico”, con seccións ben diferenciadas –Que ver, Que facer, Onde comer, Onde durmir e Camiño de Santiago– de fácil acceso e que responda ás necesidades de información tanto das persoas visitantes como da propia veciñanza.
Nesta web atópase breve información sobre distintos elementos culturais (Monte Penide, o miliario de Vilar, a igrexa de Santiago, o leguario da Pantalla...) e propostas de enclaves paisaxísticos (A Peneda, Cedeira, areal de Cesantes, paseo da Portela...). Esta información, que detalla a xeolocalización, facilitará o coñecemento da historia de Redondela así como gozar dos beneficios da natureza.
Toda esta información, recollida en tres idiomas (galego, castelán e inglés), aparece recollida en grandes bloques: patrimonio, medio natural, sendeirismo, casco urbano, gastronomía e festas. Desta maneira facilita o acceso á información por parte do visitante ou persoa interesada.
Se ben a páxina está pensada para dar a coñecer os enormes recursos que Redondela posúe en materia de turismo, “adquire unha especial importancia para os sectores da hostalaría e a hospedaxe xa que, a través do portal web, veciñanza e visitantes terán completa información de todos os establecementos que se incorporen á páxina como os datos de contacto necesarios para facer reservas”, explica a alcaldesa Digna Rivas.