Redondela galardoa aos seus grupos folclóricos "polo seu traballo en prol da cultura e lingua galega"

Publicidad

O Concello de Redondela a través da Concellería de Normalización Lingüística (SNL), dirixida pola alcaldesa Digna Rivas, sumouse a gran festa das Letras Galegas homenaxeando a Francisco Fernández del Riego na Alameda de Castelao. O acto institucional do 17 de maio tivo lugar ás 11:30 horas na Alameda de Castelao, alí asistiron centos de persoas para celebrar o día e ver aos grupos folclóricos Son do Castro, Os Xuveniles, Anaquiños, Airiños de San Simón e O Carballo das Cen Pólas.

Este ano o Concello presentou como novidade a creación dun recoñecemento especial aos grupos folclóricos do municipio. “Dende o SNL e dende a propia área de Alcaldía pensamos en recoñecer o traballo que a prol da cultura e lingua galegas realizan os grupos de folclore galego. A música e a lingua do noso país viviu século tras século no pobo e na súa creación musical. A música popular ten un enorme valor na pervivencia e transmisión do idioma galego. Por iso queremos hoxe recoñecelos publicamente. É unha sinxela homenaxe e unha solicitude de compromiso”, explicaba Rivas.

A homenaxe consistiu en que o Concello de Redondela entregou os seguintes pendóns, cos nomes dos grupos e a parroquia á cal pertencen, "para que leven con orgullo a nosa música e lingua e que leven por todos lados o nome de Redondela de Galicia". Engadía a rexedora local que “debemos ser o único municipio de todo o noso país en que levamos o nome de Galicia, non oficialmente pero sin dunha maneira informal pois ese era o nome que se dicía nas paradas do ferrocarril”.

No seu discurso a alcaldesa convidaba “a que estes grupos celebren, co apoio do Concello, seráns ou foliadas en datas especiais para Galicia. Sobre todo, de maneira singular, o 17 de maio e o 25 de xulio, o día da nosa lingua e o día da nosa terra. Desta maneira queremos que nas parroquias se celebren estas datas e que involucre a comunidade. Rivas explicaba que esta “é unha maneira de darlle protagonismo ás parroquias e continuar con esta tendencia que dende o SNL se leva feito, tanto cos libros de parroquias como cos libros de toponimia”. Continuaba o seu discurso facendo unha petición pública para que “ todos os grupos que consideredes esta proposta, que levedes a música e a lingua presente en todo momento, saibades que o concello de Redondela se sinte orgulloso da vosa tarefa e está aquí para prestar apoio”.

Segundo sinalan dende o Goberno local, a dedicatoria deste Día das Letras Galegas a Francisco Fernández del Riego ten un valor especial para Redondela. Este home, "que entregou toda a súa vida a prol da cultura e da lingua galegas, ademais de manter un forte compromiso democrático nos tempos do franquismo, participou en distintos actos organizados no municipio" .

Digna Rivas destacaba tres destes actos comezando pola “súa participación como membro do xurado do primeiro certame de novela longa Eduardo Blanco Amor, organizado en 1981 e impulsado polo noso concello -engadir que a día de hoxe é o premio de novela longa en galego con máis edicións da historia-; a súa conferencia na inauguración da Sociedade Labrego-Cultural de Reboreda; e a doazón de medio milleiro de volumes do seu fondo particular á biblioteca municipal”.

O Concello tamén destaca a labor que o SNL desenvolve durante todo o ano. Sen ir máis lonxe, semanas atrás as escolas públicas de Redondela tiveron ocasión de coñecer, por medio dun contacontos ilustrado promocionado dende o Servizo de Normalización, a figura de Fernández del Riego. “De nós depende Galicia e a súa lingua. Fagamos realidade os desexos do grande amigo de Fernández del Riego, o excelente escritor Álvaro Cunqueiro; fagamos realidade o desexo de que a lingua galega dure mil primaveras máis”, conclúe Rivas.

Salir de la versión móvil