Recoñecer a súa estreita vinculación á cidade, e o seu labor na Catedral, foron dous dos aspectos destacados este mediodía no acto e entrega da medalla de honra do concello de Tui na súa categoría de ouro, ao bispo da Diocese de Tui-Vigo, D. Luís Quinteiro Fiuza. O salón de sesións da casa do concello acolleu o solemne acto presidido polo alcalde, Enrique Cabaleiro, xunto a membros da corporación municipal, e a outras autoridades.
Enrique Cabaleiro na súa intervención lembrou coma dende o século VI Tui ten a condición de sede episcopal e sinalou que “o noso acervo patrimonial non está unicamente conformado pola nosa Catedral e o conxunto histórico, senón por un patrimonio intanxible, espiritual, inmaterial que como un estimado legado os tudenses transmitimos de xeración en xeración”.
Salientou amais que D. Luis Quinteiro “soubo achegarse a este espírito silandeiro que, tantas veces caladamente, transcende os marcos temporais e de calquera tipo para expresarse en actitudes, en valores, en sentimentos”. Engadía Enrique Cabaleiro que “no seu episcopado ten salientado pola súa intensa preocupación pola nosa Catedral e pola súa revitalización”.
O alcalde tudense salientou coma o traballo realizado polo actual bispo ten “un balance certamente digno de recoñecer e que aportou e aporta á nosa Catedral e, por conseguinte, á nosa cidade e os seus veciños un claro enriquecemento a esta secular relación entre Tui e os seus bispos”.
Remataba o rexedor con palabras de agradecemento “por tanto que nos ten aportado, gracias polo seu labor a prol da nosa cidade, da nosa Catedral, da nosa diocese... gracia pola súa amizade e colaboración...”. Tras a súa intervención o alcalde impuña a medalla de ouro ao bispo da diocese, e lle facía entrega do diploma e da acta plenaria deste recoñecemento.
A continuación tomaba a palabra D. Luis Quinteiro, amosando a súa gratitude por “terme concedido esta honra que sobrepasa tanto os meus merecementos como enche de ledicia e de gratitude o meu corazón”. Agradecía á veciñanza por facelo sentir “como un máis entre todos”. Recoñecía que “no correr dos días funme enamorando de Tui e das súas xentes” engadindo que “fostes vos os tudenses os que me fixestes abrir os ollos e o corazón”.
Por outra parte na súa intervención o bispo da diocese indicou que “unha cidade unida ten máis forza para loitar e cando se ten confianza en sí mesma os novos horizontes son retos que nos entusiasman”. Apuntou que “símbolo inmortal do que somos e do que traballamos é a nosa Catedral, orgullo de herdanza e compromiso irrenunciable para todos. Aí está a historia dos mellores talentos que segue fascinando a todos os que nos visitan”. D. Luís Quinteiro sinalou que as torres da Catedral “levántanse convocando a ambas as beiras do pai Miño. É seguirá a ser así porque a vocación primeira sempre renace de novo. A Catedral segue marcándonos o futuro: unirnos entre todas as xentes, e, sobor de todo, unirnos cada día máis cos nosos irmáns portugueses, que ésta é a misión que Galicia dende os alicerces, nos ten encomendada”.
No acto contouse coa actuación musical de Pablo Ameijeiras alumno de último curso do grao profesional do Conservatorio de Música de Tui. Ao remate do mesmo o D. Luis Quinteiro, asinou no libro de honra do concello de Tui.