A corentena ten unha nova canción. É unha versión de “Estou na lavadora”, o tema orixinario do grupo ponteareán “O Caimán do Río Tea” que se converteu nun dos himnos do Xabarín Club. A concellería de Cultura da vila do Condado lanzou onte luns nas redes sociais de Facebook e Twitter unha canción co título “Estou na corentena”, un tema que nunha hora acumulou dez mil reproducións.
Os grupos e músicos de Ponteareas uníronse para crear e interpretar esta nova versión que arrasou nas redes sociais. “Estou na corentena” conta coa participación de integrantes dos grupos O Caimán do río Tea, SonDaRúa, Sulfatar, Skandalo GZ, Max Power, School e artistas como Tonhito de Poi, Chico López, Duke Sam e Baby Jane.
O concelleiro de Cultura e o edil de Mocidade, Miguel Bouzó, destacan a boa acollida deste tema que fai bailar ás familias ponteareás e de toda Galicia cunha versión dunha canción que acadou o éxito da man do Xabarín Club.