Arranca unha nova edición de reseñas, o programa de impulso á lectura organizado desde a biblioteca de Torrecedeira, e faino cun libro sobre a vida e a obra do escritor Benito Pérez Galdós, unha obra escrita “por unha persoa que le, coñece, goza e ama” a este autor, principal representante da novela realista do século XIX, “redactado de tal forma que, a pesar da súa magnitude, lese como unha novela”. É a primeira proposta do proxecto reseñas 2021-2022, unha programación que, cada dous meses, irá presentando distintos libros de interese para a comunidade universitaria e a cidadanía.
“Dada a actual situación sanitaria, polo momento seguimos sen facer instalacións e/ou seleccións expositivas de libros de xeito físico nas salas da nosa biblioteca”, explica Aser Ángel Fernández, un dos técnicos especialistas da biblioteca implicado desde o seu inicio neste proxecto. A iniciativa púxose en marcha en setembro de 2018 co obxectivo de publicitar e estimular o bo uso e o manexo dos recursos, fontes de información e servizos que ofrece a Biblioteca Universitaria da UVigo. Desde entón o programa non deixou de gañar adeptos, e a recensión sobre a obra de Galdós constitúé xa a reseña.22.
Ao igual que na anterior edición, cada ‘reseña’ estará acompañada dun cartel de presentación sinalando tanto o contido como as datas de inicio e finalización da actividade e un código QR onde atopar a información escollida para cada libro. Ademais, de cara a posibilitar a lectura das recensións e a información relativa a cada unha delas, “este ano aumentamos a presencia nas redes sociais da propia biblioteca de Torrecedeira coas publicacións precisas en Instagram, Twitter, Youtube e no propio blogue do proxecto, onde quedarán arquivadas e incorporadas os antigos e novos traballos”, recalcan desde a biblioteca.
A nova programación inclúe seis libros de temáticas moi distintas
Ao longo de todo o curso abordaranse temas de moi distinta índole. Se para outubro e novembro a proposta é achegarse á biografía de Benito Pérez-Galdós. Una biografía, de Yolanda Arencibia-, para decembro e xaneiro a recomendación é botar unha ollada á historia da vida privada a través da historia das casas, os seus espazos e elementos que a conforman –En casa: una breve historia de la vida privada. Bill Bryson-. En febreiro e marzo, os asiduos de reseñas afondarán na figura do enxeñeiro Eugéne Freyssinet, cuxo libro descatalogado vense de editar recentemente –Eugéne Freyssinet. José Antonio Fernández Ordóñez-. A programación continuará logo “coa historia da destrución deliberada do coñecemento coa queima de libros, o estudo da orde social marcado polo patriarcado e a desigualdade de xénero ou a situación do mundo da arte e como se gañan a vida as persoas dedicadas á creación neste mundo da economía dixital no que vivimos”, apunta Aser Ángel Fernández.
Como vén sendo habitual, para elaborar as reseñas a organización conta coa achega desinteresada de persoas de moi distinto perfil. No caso de Galdós o traballo chega da man de Estrella Omil, bibliotecaria no edificio de Ciencias Experimentais da Universidade de Vigo, coordinadora e secretaria de redacción da revista dixital Philostrato. Revista de Historia y Arte. Tras ela, participarán tamén o profesor do Programa Universitario de Maiores da Universidade de Vigo Esteban López Figueroa, e do profesor do Departamento de Enxeñaría dos materiais, mecánica aplicada e construcción José Carlos Caamaño. “Ademais, neste espazo de encontro temos a posibilidade de disfrutar tamén das reflexións da axudante de bibliotecas da Universidade de Santiago de Compostela Lorena Gómez Méndez, da investigadora e documentalista Dolores Miloro Costas ou do recoñecido artista galego Jorge Perianes”, salientan desde a biblioteca, ao tempo que lembran que “calquera pode participar na elección dos temas ou dos libros elaborando a súa recensión, compartindo ideas, inquietudes e opinión que posibiliten e conformen unha nova e futura planificación de reseñas”.
Achegándose a Galdós cun libro que vai máis aló dunha biografía
Nesta primeira reseña, Estrella Omil achega a súa visión da obra Galdós. Una biografía, escrita pola catedrática Yolanda Arencibia, directora da Cátedra Benito Pérez Galdós da Universidad de Las Palmas de Gran Canaria e unha das maiores expertas neste autor. “Non o é tanto ou máis ben non é unha biografía ao uso, é tamén unha análise de toda a obra literaria de Galdós”, explica Omil na súa reseña, ao que engade que “a autora realiza unha análise pormenorizada do contido, personaxes, estilo e contexto de todas as creacións literarias, recollendo as reaccións da época”.
Desde o punto de vista de Omil, un dos méritos de Yolanda Arencibia é conseguir unha narración moi amena. “Vai debullando a vida do home, a súa obra e o seu contexto, con explicacións tan boas que se es un mero coñecedor das obras máis importantes ou representativas de Galdós danche ganas de lelas todas e algunhas que coñeces de hai tempo volver a relelas”, recalca a autora da reseña.22.