O mes de marzo sumará unha nova proposta gastronómica en Tui coa que percorrer os diferentes restaurantes e tabernas do municipio. O “Tu&tapa” é o nome desta primeira edición dun roteiro que acollerá a 29 establecementos cunha ampla oferta de petiscos.
Este concurso de tapas nace con catro itinerarios: lume, ceo, río e terra que agrupan aos participantes segundo a súa localización. A idea, que parte co obxectivo de dinamizar a hostalería local, conta amais con dúas variantes de petiscos. Así, os clientes poderán degustar tapas tradicionais, a un prezo de 2€, ou tapas creativas, por 3€.
Ruta do lume: neste itinerario participan sete establecementos que ofertarán nove tapas diferentes. Centrada no conxunto histórico, porase degustar tostas de champiñóns, pementos de piquiño recheos con salsa de queixo e xamón, pizzeta de polo ó curry, tarta con caramelo, chocolate e biscoito, biscoito de ruibarbo e arados, empanadillas con queixo de tetilla, marmelo e xamón serrano, tosta de solombo con pemento caramelizado, bacon e alioli ou unha hamburguesa con cebola caramelizada queixo San Simón e pementos.
Ruta do ceo: outros sete establecementos do centro urbano participan neste itinerario con propostas que van dende unha brocheta de polo con salsa de champións a bacallu con patacas e cebola caramelizada, pasando por un bocado campestre, crocante de polo con patacas e tomate, tosta de xamón asado con tomate, pemento e queipo, tosta de polo con guacamole e queixo, tosta de pemento con bacallau afumado, pulga de pa con queixo e carne de porco ou lacón galego cocido con pimentón da vera, patacas e grelos.
Ruta do río: os establecementos da ruta do río, na avenida da concordia, ofrecerán até doce tapas entre as que se atopa unha ensalada de polbo e aguacate, callos, zorza, empanada ou chipiróns recheos.
Ruta da terra: o derradeiro dos itinerarios está formado por oito establecementos que prepararán dez petiscos como unha empanada de polbo e queixo de tetilla, meixela de porco, lacón con crema de grelos e patacas ou polbo á feira.
Este roteiro organizado pola asociación Arraianos e que será presentado nas próximas semanas, celebrarase todos os venres e sábados de marzo. Ademais, por cada tapa os visitantes poderán optar ao sorteo de diferentes premios como unha noite de hotel na Ribeira Sacra, unha noite no Monte Aloia e un bono no Pazo da Auga de Mondariz.