No libro Historia da arte sen homes, Katy Hessel trata de debuxar unha realidade que, a priori, xa semella pouco esperanzadora. Os resultados da enquisa que realizou a historiadora neste traballo constatan a percepción previa: o 30% das persoas participantes foi incapaz de citar máis de tres mulleres artistas e máis do 50% explicaron que non estudaron ningunha delas na escola. Esta realidade de descoñecemento e invisibildiade é a que trata de denunciar a exposición bibliográfica que acolle estes días a Biblioteca Central da Universidade no campus de Vigo. A iniciativa xorde dentro das actividades para conmemorar o 8 de marzo, o Día Internacional da Muller, e trata de poñer en valor a creatividade, a traxectoria e as contribucións artísticas das mulleres pintoras, case todas elas esquecidas ao longo da historia, como explica a subdirectora da Biblioteca Universitaria, Tita Aboal.
Ata o 10 de abril a comunidade universitaria poderá visitar a mostra, que consta de varios espazos espallados polas instalacións da Biblioteca, dende paneis informativos ata unha exposición bibliográfica pasando por autorretratos destas mulleres “ignoradas e excluídas”. Antes de entrar no edificio, un panel informativo lembra os resultados do traballo de Hessel e engade algún outro dato moi significativo, como que na National Gallery tan só o 1% das obras son de autoría feminina, unha cifra á que non chega o Museo do Prado, que se queda no 0.8%, onde só 11 das 1700 obras expostas están creadas por mulleres. Este panel tamén lembra que ata finais do século XIX as mulleres tiñan prohibido formarse como aprendices nos talleres do pintores e o mundo da arte estaba limitado case en exclusiva a fillas de artistas ou mulleres de familias nobres. En calquera caso, ás mulleres pintoras non se lles permitía estudar nin pintar o corpo humano espido e durante os século XVI e XVII só podían pintar bodegóns ou retratos. En moitas ocasións asinaban con iniciais ou con pseudónimo masculino.
Varios espazos para poñer en valor as artistas
Unha vez no interior da biblioteca, a mostra comprende un espazo expositivo con libros sobre mulleres artistas, presidido por unha cita da poeta grega Safo de Lesbos: "Asegúroche que algún día alguén se lembrará de nosoutras". Aquí pódense atopar tanto biografías sobre algunhas artistas amplamente recoñecidas como Frida Kahlo, Tamara de Lempicka ou Maruja Mallo e outras cuxo nome non é tan coñecido, aínda que a súa pegada no mundo da arte foi destacada, como é o caso de Geogia O`Keeffe, Remedios Varo ou Leonora Carrington. Tamén se amosan obras colectivas sobre as mulleres no mundo da artes como Amazonas con pincel, Las mujeres y las artes, Olvidadas y silenciadas, Hechiceras ou Danger! Women artist at work.
Nun espazo anexo e sobre un caballete rodeado de candeas, tamén se denuncia que a arte das mulleres é unha arte “invisible, esquecida, ignorada, desprestixiada, excluída, escondida, desaparecida e silenciada”. Mentres, no andar superior outro espazo serve para expoñen autorretratos de mulleres pintoras ao longo da historia, dende Paula Modersohn Becker, do expresionismo, Jacqueline Marval, do fauvismo, Yayoi Kusama, representante do pop-art, Lee Krasner, do surrealismo abstracto, Lavinia Fontana, do barroco italiano, ou outras representantas do barroco holandés, como Clara Peeters ou Judith Leyster.