“Darlle volta á tortilla. Facer do defecto, virtude. Ou ao mal tempo, boa cara”. A filosofía da Culturgal 2020, do 27 ao 29 de novembro, é manter o obxectivo de mostrar ao gran público a actividade cultural de Galicia máis remarcable do presente ano e do que ven. Desde Pontevedra, tres canles para retransmitir o que acontece no escenario(Escena, Foro, Libro) e, tamén fóra del, e un equipo de realización que suma vinte persoas ao staff da Culturgal. Chegar ás casas durante a última fin de semana de novembro é a meta que se propón o evento nesta edición da pandemia. Agás a sala de cinema, toda a programación será accesible desde a casa en cultur.gal. De calquera xeito, para participar presencialmente nalgunha das actividades e tendo en conta os aforos permitidos, pódese retirar o teu convite en cultur.gal até completar capacidade desde o venres 20 de novembro. En caso de emerxencia, cultura.
A 13ª edición da Culturgal avanzou hoxe venres 20 a súa programación, xa dispoñible en cultur.gal, protagonizado polas grandes estreas do ano e os nomes de referencia da literatura, música, arte contemporánea, cinema e artes escénicas. Só o Espazo Cinema sera exclusivamente presencial xa que a programación dos outros tres escenarios: Foro (Sala de Exposicións do Pazo da Cultura de Pontevedra), Escena (Auditorio do Pazo da Cultura) e Libro (Teatro Principal Pontevedra), será transmitida a través de tres canles na web cultur.gal. O sábado 28 e o domingo 29 de novembro, máis de 70 propostas culturais de música ao vivo, teatro, libros, arte, ciencia e espectáculos para toda a familia, 12 cámaras, 20 horas de retransmisión e un equipo de máis de 60 persoas traballando para levar ás casas o mellor da cultura galega.
Victor López, presidente da Culturgal, e Xosé Aldea, director, estiveron acompañados por Jacobo Sutil, director da Agadic da Xunta de Galicia, Carme Fouces, concelleira de Cultura de Pontevedra, e Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra. Desde Culturgal agradeceuse inmesamente aos patrocinadores o seu apoio e implicación nunha Culturgal na que tamén mostrarán as súas principais liñas de traballo. Para o director da Agadic, Culturgal tiña que celebrarse “si ou si, é un punto de inflexión para a cultura no ano en curso e no próximo” . A Xunta de Galicia presenta diferentes actividades dentro da Culturgal ao redor dos programas en marcha e os que se desenvolverán en 2021, ano de celebración do Xacobeo. Pola súa parte, Carmela Silva explicou que os eixos da programación da Deputación de Pontevedra na Culturgal son igualdade e memoria e pediulle á organización que “non esquezamos que a xente está triste, Culturgal tamén ten que ter como obxectivo facernos felices”.
Catro escenarios, tres canles
A través da web cultur.gal e das canles de youtube, o pùblico poderá escoller entre os contidos da Canle Libro, a Canle Foro ou a Canle Escena. Na primeira, Manuel Rivas, Ledicia Costas, Berta Dávila, Antón Patiño, Miguelanxo Prado, Alberto Vázquez, Kiko da Silva, Suso de Toro e moitas máis. A xornalista Esther Estévez, presentadora do espazo Dígocho Eu da TVG, condúcenos por escenario en 2020, retransmitido online desde o Teatro Principal de Pontevedra. Novidades e xéneros, conversas, os premios do ano, e, por suposto, propostas temáticas ao redor das grandes cuestións derivadas da pandemia que preocupan a creadores, empresas, institucións e sociedade, en xeral. Desde a Sala de Exposicións do Pazo da Cultura de Pontevedra, o Espazo Foro acolle performance, poesía ou artes escénicas. Tamén encontros ao redor do galego no ensino, na xustiza ou na televisión. Incluso tempo de ópera e breakdance. O Foro da Culturgal 2020 convértese nun espazo de representación, reflexión e encontros ao redor da creación artística e dos xeitos de traballar e incidir na cultura galega que ven, nun contexto marcado pola COVID-19. Mónica Mura, o CDG, Carlos Varela, Rosalía Fernández Rial, Marta Pérez, Antón Reixa, Aldaolado, Ana Romaní, Vella Escola e moito máis no Foro Culturgal 2020, unha canle conducida pola actriz Iria Sobrado.
Na Culturgal 2020, a Escena, con transmisión ao vivo desde o Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra, é ben variada pensando en músicas para toda a familia: desde o espírito punk até o ritmo de big band pasando polo jazz e os nomes máis coñecidos do folk como Luar na Lubre ou Susana Seivane cos seus respectivos espectáculos do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, sen esquecer os espectáculos para a cativada e as súas familias. Dous días de música ao vivo, sábado 28 e domingo 29 de novembro, que chegarán a casa na busca da excelencia, cun son e realización envolvente. A actriz Diana Sieira será a encargada de ir presentándoo.
A sala de cinema, a única exclusivamente presencial
Se en todos os espazos Culturgal, ademais da transmisión online hai cabida para o aforo máximo de público permitido polas medidas sanitarias, no caso do Cinema a participación do público será só e exclusivamente presencial. Títulos de luxo do cinema galego na programación 2020. Catro longametraxes de ficción e dous documentais proxectaranse no Pazo da Cultura de Pontevedra coa presenza de directoras, produtoras e reparto. O pase de Ons, de Alfonso Zarauza, con concerto da banda Chicharrón, será evento especial da xornada de apertura da Culturgal, o venres 27 de novembro. A illa das mentiras, de Paula Cons, Arima, de Jaione Camborda, Longa noite, de Eloy Enciso, e os documentais Dorothé na vila, de Alejandro Gándara e Olaia Tubío e A media voz, Heidi Hassan e Patricia Pérez Fernández, forman parte da proposta cinéfila da Culturgal coordinada por AGAPI.
Alianzas e complicidades
Nun ano coma este, a décimo terceira edición da Culturgal é o resultado da colaboración e alianzas, ademais de coas institucións públicas e o seu apoio fundamental, senón tamén coas diferentes empresas que están a sumar talentos para facer deste un evento de referencia. Culturgal 2020, co lema “En caso de emerxencia, cultura” está organizada pola asociación do mesmo nome, presidida por Victor López, e da que forman parte AGE (Asociación Galega de Editoras), AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais), Eganet (Empresas Galegas Adicadas á Internet), AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes) e Escena Galega. A conversa continuada nos últimos meses coas institucións patrocinadoras da Feira é fundamental nesta edición marcada pola COVID19. A Xunta de Galicia, a través de Agadic, sera un ano máis patrocinadora do evento, que conta ademais co apoio fundamental do concello de Pontevedra, da Deputación de Pontevedra e do Ministerio de Cultura e Deporte.