A Culturgal prepara a súa 12 edición coa ollada posta nos videoxogos e na industria tecnolóxica

Publicidad

A feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal, busca na súa décimo segunda edición levar a cabo un redeseño que se aplicará tanto no tocante ao espazo e presenza de stands como nos propios contidos da feira, que este ano quere espallarse tamén a industria do videoxogo.

Segundo explicou o seu director, Xosé Aldea, búscase “animar as empresas con alto contido tecnolóxico, como as do videoxogos, apps ou realidade aumentada, a mostrar as infinitas posibilidades de tecnoloxía nos produtos e servizos culturais”. A feira pretende visibilizar este tipo de traballo que incide en aspectos lúdicos, didácticos e participativos abrindo nesta edicións os stands a empresas deste sector. Aldea lembrou que se trata dun “reto” semellante ao que acometeu a Feira hai tres anos cando impulsou o Espazo de Arte Contemporánea, que se lanzou con condicións especiais de contratación de stands.

Tamén se abre agora o prazo de presentación de propostas para os outros cinco escenarios da Feira: Familiar, Libro, Foro, Carpa e Audiovisual. Até o primeiro de outubro empresas, institucións, entidades, xestores e artistas poden presentar os seus proxectos para un programa que cada ano ronda as 130 actividades propias durante os tres días da Feira. Xosé Aldea remarcou o carácter dunha “Feira para todo o país” e anunciou que a organización volverá a poñer autobuses en 2019 desde as principais cidades galegas.

En canto aos cambios físicos, a gran novidade desta edición ten que ver coa circulación do público, con facer unha Feira “máis translucida”, con materiais como policarbonato, con máis cores e co obxectivo de que ir rachando os compartimentos estancos para derivar nunha “feira máis compartida, con máis contacto humano e con máis contacto entre empresas e proxectos”, explicou Xosé Aldea.

Para dar o punto de arranque a esta Culturgal 2019 á que “darlle unha volta”, compareceron en rolda de prensa en Pontevedra, ademais de Aldea, o presidente da Asociación Culturgal, Víctor López, acompañado dos principais patrocinadores da Feira: a Xunta de Galicia e Agadic, coa participación do seu director Jacobo Sutil, o concello de Pontevedra, coa concelleira Carme Fouces, e a Deputación de Pontevedra, coa responsable de Cultura, Victoria Alonso.

Na Culturgal están integradas Escena Galega, Asociación Galega de Editoras, Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) e Eganet (Empresas Adicadas ás Novas Tecnoloxías).

O director da Agadic, Jacobo Sutil, subliñou o “paso valente” ao poñer o foco na cultura interactiva, “Culturgal é moi importante en termos de afluencia, pero tamén como altofalante das nosas empresas culturais, no seu cometido de facer coñecido para o público en xeral o que fan as empresas. Sutil explicou que a Xunta de Galicia volverá ter espazo propio na Feira para difundir os seus principais programas culturais e como lugar onde programar actividades. Agadic contribúe con 65.000 euros á edición 2019 da Feira.

Pola súa parte, a responsable de Cultura na Deputación de Pontevedra, Victoria Alonso, explicou que “a cultura é riqueza, permítenos facer pais, por iso é importante que desde as administracións se coiden eventos como Culturgal”.

Salir de la versión móvil