A Deputación amosará no Día do Libro en Vigo unha visión crítica da literatura infantil

Publicidad

Como cada 23 de abril a Deputación de Pontevedra festexará o próximo sábado o Día Mundial do Libro. A cita será ás 12.00 horas na Sala Rosalía da institución provincial en Vigo, coa que se rende unha homenaxe á escritora en galego por excelencia. O acto central deste ano será a presentación do libro “Tes cinco minutos #2” que recolle a selección do traballo de 27 das persoas que participaron na II edición da Escola de Letras, que a Deputación impulsa coa Editorial Galaxia, amosando o talento e a canteira coa que conta a literatura galega. Ademais de presentar o traballo realizado polo alumnado, as e os profesores desta iniciativa cultural, dirixida por Francisco Castro, falarán da experiencia vivida como docentes da primeira escola deste tipo en Galicia e dunha das poucas do Estado.

No acto, que xa ten as inscricións abertas para as persoas que desexan asistir en participa.cultura@depo.es, a Deputación tamén dará voz a sete mulleres referentes no deporte da provincia a través dun audiovisual coa lectura de fragmentos dos seus libros favoritos. Elas son a esgrimista Judith Rodríguez, a futbolista Paula Dapena, a atleta Susana Rodríguez, a árbitra de fútbol Elena Casal, a adestradora de balonmán Irene Vilaboa, a presidenta da Federación Galega de Atletismo, Charo Castro, e a piragüista Támara Echegoyen. As persoas asistentes poderán desfrutar tamén da voz de Leticia Rey, cantautora de Vila de Cruces e inscrita no catálogo de “Descúbreas”, o programa coa que a Deputación apoia ás mulleres da industria musical. Leticia Rey, acompañada pola súa guitarra, interpretará tres temas musicais: “Baleiro”, unha composición propia, “Setestrelo”, de Berrogüeto, e a canción popular “Alalá das Mariñas”.

A programación formulada pola Deputación para este día complétase coa exposición “Contos e países. Historias que viaxan”, comisariada por Silvia García, que estará presente na Sala Rosalía de Castro ata o 15 de xuño. Trátase dunha mostra didáctica na que se fai un percorrido pola literatura infantil con referencias a contos clásicos como os de Andersen ou Perrault. A exposición tamén aborda cuestións de xénero coa confrontación de libros dirixidos á docilidade das nenas que se inculcaba durante o franquismo con outros que contan historias que as fan independentes como “Pipi Meidaslongas”. Nela tamén se poderán ver libros que reflicten a historia colonial ou outros que amosan a relación da literatura española e galega con outros países.

Salir de la versión móvil