A Deputación celebra en Vigo as Letras Galegas cunha homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán

Publicidad

A Deputación de Pontevedra vén de pechar a súa programación das Letras Galegas 2022 para homenaxear a figura de Florencio Delgado Gurriarán con actividades destinadas a todos os públicos. Dende a dirección dos departamentos de Lingua e Memoria Histórica a deputada María Ortega  considera que o autor “é un exemplo de compromiso co país e de loita mesmo nas peores circunstancias”, polo que a intención  é dar a coñecer e poñer en valor a súa figura entre todas as idades.

Haberá actos centrais en Vigo (público familiar) e Pontevedra (adulto) os días 11 e 12 de maio, tamén obras teatralizadas para crianzas que se levarán a 35 concellos da provincia, editouse unha banda deseñada sobre a figura destinada á xente moza, e tamén se distribuirán títulos propios do autor para dar a coñecer a súa obra entre os centros de ensino e as bibliotecas e puntos de lectura municipais da provincia.

O primeiro acto aberto ao público (sede da Deputación en Vigo, mércores 11 ás 19:00 horas) é o espectáculo ‘Coa ledicia de voltar’, de Serafín Marcos, onde o autor noiés fai un percorrido pola vida do autor a través da súa poesía levando ás persoas asistentes dende o Valdeorras natal ata México co humor característico das súas montaxes.

O evento parte dun verso tomado unha obra de Delgado Gurriarán e pretende descubrir a traxectoria que fai ao escritor ser merecedor do recoñecemento das Letras Galegas deste ano. Será unha “viaxe de volta ao seu Córgomo natal revivindo a travesía marítima de fuxida no Ipanema e gozando pausadamente da natureza valdeorresa, un relato dinámico e participativo no que os versos de Florencio cobran vida”, explica Serafín Marcos.

Para asistir está aberta inscrición de público na páxina web da Deputación. As prazas outorgaranse por orde de solicitude ata completar capacidade.

Crianzas e xente moza

Un dos obxectivos principais dos departamentos de Lingua e de Memoria Histórica da Deputación é achegar os contidos e actividades á cativada e á xente moza. É por iso que sobre todo na programación das Letras Galegas hai as actividades para elas e eles.

Así, da man de ‘Polo Correo do Vento’ levarase a 35 concellos da provincia totalmente de balde unha actividade que, de xeito ameno e participativo, achegue a figura do homenaxeado como exemplo de amor á terra e mantemento da loita polos ideas. Nestes momentos está aberto o prazo de solicitude para os concellos, que poderán desenvolver o acto ata o mes de xullo.

Neses ‘obradoiros’ alternarase a narración da biografía do homenaxeado coa creación dunha ilustración e a interpretación de distintas pezas musicais. Contarase ademais con tradución en lingua de signos, para que sexa accesible a todas as crianzas, e rematará cun pequeno coloquio adaptado ás súas idades e un obradoiro no que cada participante realizará a súa propia caricatura de Florencio Delgado Gurriarán

Para xente moza (e non tan moza) a editorial do Servizo de Publicacións da Deputación vén de publicar unha obra de banda deseñada realizada por alumnado de ’O Garaxe Hermético’ e coordinada por Kiko da Silva. Será distribuída entre os centros de ensino da provincia e tamén en diversos actos, así como nos centros de lectura públicos.

Para rematar, a Deputación vén de facer a compra de diferentes títulos realizadas polo propio Florencio Delgado Gurriarán e realizará unha distribución entre as bibliotecas municipais e puntos de lectura de varias das obras, co fin de ampliar a dispoñibilidade da bibliografía a disposición de toda a cidadanía.

 

Salir de la versión móvil