Gozar da maxia do teatro sen moverse de casa. Esa é a proposta que a Deputación de Pontevedra ofrece durante estas festas do Nadal coas funcións virtuais do programa “Prendendo Butacas na Casa”, que arrancan este xoves, día de Noiteboa, e se prolongarán ata o domingo 3 de xaneiro. Son oito as representacións previstas a cargo doutras tantas compañías, fundamentalmente da provincia, que se retransmitirán vía streaming na web da institución provincial (fai clic aquí) desde as 10 da mañá de cada xornada e durante as 24 horas seguintes.
O programa arranca este xoves 24 de decembro, Noiteboa, coa representación de "Rosalía" a cargo da compañía Cooperactiva. É unha obra pensada especialmente para o alumnado de Primaria, para as súas familias e docentes, que supón un achegamento teatral distinto á vida e obra da autora galega. Nesta montaxe, as nenas e nenos descubrirán en Rosalía a unha moza alegre, forte e curiosa, que vive, xoga e goza no país da infancia. A obra quere contar ás crianzas que a infancia é o lugar onde crecen as poetas: entre a rebeldía, as lecturas, a curiosidade, o xogo e as cancións con rimas e sen autoría.
No día de Nadal, 25 de decembro, estará dispoñible a obra "Camiños", de Butaca Zero, na que se atopa a Galicia máis millenial. Trátase dunha peza feminista con cinco mulleres en escena, na que a liberación da muller e a muller liberada son o punto de partida e de reflexión histórica. A emigración é o fío condutor e, falando de fíos, a costura tamén forma parte da historia, na que teñen cabida desde Zara, á influencer Lovely Pepa. Castelao, Manuel María, Ruth Matilda Anderson... ou mesmo Gadis.
Cara á fin de semana, o sábado 26 será a quenda da compañía Ibuprofeno Teatro, que representará "O mel non caduca", “un espectáculo biodegradable e ecosostible”, xestado a partir de un proceso de creación colectiva, ao redor da relación do ser humano cos obxectos, “da degradación ecolóxica del planeta a causa da perversa lóxica consumista do capitalismo e da obsolescencia programada tanto dos produtos como das persoas”.
O domingo 27 de decembro poderá verse a obra "Afterparty", de A Feroz, unha peza que fala da decepción, do empeño na felicidade e das preguntas que se fai unha xeración que ten a sospeita de que chegou tarde a todo. Nesta festa escénica de A Feroz a letra, a música, o espazo e o corpo mestúranse nun proceso de creación interdisciplinar.
O teatro continuará o mércores 30 de decembro con "Fíos", a cargo de Baobab Teatro, unha obra dirixida para todos os públicos, recomendada a partir dos catro anos, na que se suceden diferentes historias ao redor dun obradoiro de costura. A modista que a protagoniza recibe visitas esperadas e outras inesperadas que lle piden axuda. Coas súas puntadas descubrirá personaxes que penden de fíos e queren viaxar, soñar, namorarse e contar os seus segredos.
Na xornada do 31, Noitevella está reservada para "A maleta de Don Attilio", de Viravolta Títeres. É un espectáculo dirixido ao público infantil e familiar ambientada nun circo. Aborda o amor imposible entre Toni Bombillo, a estrela do espectáculo, e María, filla de don Próspero, preboste do barrio alto, dúas marionetas de orixes moi distintas.
Xa o sábado, 2 de xaneiro chegará "A Galiña azul", de Tanxarina Títeres. A obra de Carlos Casares cobra nova vida neste espectáculo que recolle catro contos do orixinal do autor nunha divertida adaptación. A obra, na que a compañía emprega diversas técnicas de manipulación de bonecos e traballo actoral, fala da diversidade e da solidariedade, e está destinada ao público infantil e familiar.
Finalmente, para concluír a programación neste Nadal, Educa Teatro representará a obra "Os Tres Porquiños", un musical con bonecos a tamaño real pensado para gozar en familia. Trátase dunha revisión da tradicional fábula para adaptala aos novos tempos, incluíndo a participación de Xan e Xiana, exploradora e explorador moi afeccionados aos contos que se adentran no bosque para coñecer aos seus personaxes favoritos. A peza inclúe cancións cantadas en directo e ten unha clara misión didáctica para que os e as máis pequenas aprendan ou reforcen coñecementos como os números, as cores ou as prendas de vestir.