A Deputación pon en marcha unha nova edición de Pontegal con máis orzamento para 2023

Deputación de Pontevedra

Publicidad

A Deputación de Pontevedra lanza a nova convocatoria do programa Pontegal, que ten como obxectivo promover que o tecido asociativo da provincia poida levar a cabo actividades no ámbito das artes e a cultura e ao que a institución vai destinar no vindeiro 2022 un orzamento de 800.000 euros, cun incremento de 200.000 con respecto a este ano. A presidenta provincial, Carmela Silva, subliñou que este programa provincial "permite democratizar e levar a cultura a todo o territorio" e destacou así mesmo o "grande éxito" que tivo neste 2022, con máis de 2.000 actuacións realizadas na provincia.

O programa permite a asociacións, agrupacións sen ánimo de lucro e entidades locais menores, programar actuacións dos grupos, artistas e compañías que estean inscritos no Catálogo de grupos Pontegal, que a Deputación promove a través da súa web e que reúne na actualidade en torno a 1.300 artistas de diferentes disciplinas culturais. Entre elas, de animación infantil, audiovisuais, baile moderno, ballet, bandas de gaitas, bandas de jazz, bandas de música, cantautores e cantautoras, charangas, grupos de gaitas, grupos de playback, grupos folclóricos, grupos folk, grupos músico vocais, grupos pop rock, humoristas, corais, artistas de maxia, música clásica, orquestras clásicas, outros folclores, pandereteiras, poetas, rondallas e compañías de teatro.

Carmela Silva subliñou que a "excepcional" acollida deste programa obrigou a ampliar o orzamento para cubrir toda a demanda existente, “xa que queremos que a cultura sexa democrática e chegue a todos os recunchos da provincia, sobre todo aos concellos máis pequenos, que teñen menos capacidade para promover cultura”.

Salir de la versión móvil