A Deputación rende homenaxe a Xosé Velo coa estrea dun documental e un libro sobre a súa figura

Publicidad

A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Memoria Histórica, vai celebrar o 106 aniversario e render homenaxe a Xosé Velo coa estrea do documental ‘Xosé Velo. O libertador ibérico’ sobre a súa figura e o libro ‘Xosé Velo. Textos escollidos’ no que se inclúen poemas, textos, artigos e outro material do autor recuperados e adquiridos pola institución provincial.

O acto será o vindeiro sábado 23 –dous días despois do aniversario oficial, o 21 de abril- no salón de Plenos da Deputación de Pontevedra ás 11.30 horas. Para asistir é precisa inscrición previa no correo memoriahistorica@depo.gal, completando a capacidade da sala por estrita orde de chegada das solicitudes, que deben incluír nome completo das persoas asistentes e teléfono de contacto.

A deputada de Memoria Histórica María Ortega explica que é obxectivo da Deputación con esta dupla presentación sobre Velo -baixo o coidado de ‘Arraianos Producións’- é “seguir loitando contra a desmemoria” e rescatar e divulgar a figura do ‘libertador’, que fixo que o mundo pousase os seus ollos sobre os pobos europeos que ficaban sometidos polo fascismo ideando o secuestro do buque Santa María (Santa Liberadade), e acadando que o propio Kenney abordase as ditaduras de Franco e Salazar na súa primeira comparecencia como presidente dos Estados Unidos.

A nacionalista considera vital a publicación do documental e do libro cunha escolma do material inédito adquirido recentemente pola propia Deputación de Pontevedra. Esta adquisición , nas súas verbas, demostra o compromiso do goberno provincial por poñer a disposición da cidadanía todo o material das persoas “que traballaron e loitaron pola liberdade e que sufriron para que nós hoxe deamos pasos para acadar unha democracia madura e sen complexos. Debemos ter estas persoas como referente de cara a onde queremos camiñar e obxectivos que queremos construír como país”, subliñou.

Ortega explicou que as negociacións para dispoñer do arquivo de Pepe Velo que deron lugar ao libro e ao documental pecháronse a finais de 2019 grazas a Aser Álvarez. O material non chegou a Pontevedra ata case entrado o confinamento e dende entón fíxose un labor de inventario, catalogación e dixitalización para que os fondos poidan ser consultados en aberto tamén a través do portal documental ‘Atopo’ por persoal investigador.
O fondo adquirido pola Deputación está constituido por documentos en diferentes formatos, que son produto da actividade política e cultural de Velo Mosquera e que se poden agrupar en varios grupos: transcricións ou copias de manuscritos de preto de 50 poemas, escritos entre a década dos 30 e dos 70 e inéditos case todos, ensaios, artigos, cartas, e fotos persoais e fondos audiovisuais de moi diversa índole.

‘Arquivo Velo’

Xosé Velo foi un político e escritor nacido en Celanova en 1916. Foi secretario xeral do Consello Nacional da Federación de Mocidades Galeguistas en 1936, e logo da guerra foi detido en Vigo por actividades antifranquistas. Fuxiu a Portugal e dende alí trasladouse a Venezuela. En Caracas foi nomeado en 1956 presidente do Lar Gallego, en representación do que participou activamente no I Congreso da Emigración Galega.

En 1959 fundou o DRILL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación) cun grupo de exiliados españois e portugueses. A principios de 1961 dirixiu o secuestro do trasatlántico Santa María, acción de denuncia das ditaduras de España e Portugal. Acollido como exiliado político polo goberno brasileiro instalouse xunto co seu fillo Vítor en Sao Paulo. Nesa cidade fundou unha librería e posteriormente a Editorial Nós, publicando as primeiras traducións da obra de Rosalía de Castro ó portugués. Morreu en Sao Paulo en 1972.

Salir de la versión móvil