O Festival de Cans continúa obtendo recoñecementos de prestixio, e esta semana foi recoñecido co Premio da Cultura Galega na categoría de audiovisual, máximo galardón no eido da cultura que concede a Xunta de Galicia. Inmediatamente despois de facerse pública a concesión do premio, o festival recibiu nas seguintes horas centos de mensaxes, que sorprenderon incluso á propia organización, que se sente abrumada por tal cantidade de felicitacións e desexa expresar públicamente o seu agradecemento.
Desde institucións públicas, pasando por asociación profesionais, empresas privadas ou partidos políticos de diferentes ideoloxías, deixaron as súas mensaxes de felicitacións ben a través das redes sociais, por mail ou por mensaxes privadas, chegadas de toda Galicia, de diversas cidades de España e de outros países. Tamén multitude de cineastas, actrices, actores, guionistas ou produtores, ademais de moitas veciñas e veciños e seguidores e seguidoras do festival felicitaron públicamente ao Festival de Cans por este galardón.
Con este premio, o Festival de Cans convértese nun dos eventos culturais que ten acadado un maior número de recoñecementos en Galicia. A este Premio da Cultura hai que sumar o prestixioso Premio da Crítica á mellor iniciativa Cultural, concedido pola Fundación Premios da Crítica no ano 2009 ou o Premio de Cultura da Deputación de Pontevedra ao mellor proxecto innovador no ámbito da cultura, recibido en 2011. Ademais, o festival foi recoñecido en 2013 co Premio Internacional Ateneo de Ourense ao fomento da cultura, e co Premio Círculo da Cultura que concede a sociedade privada Círculo Recreativo do Porriño. Fóra de Galicia, en 2007 foi recoñecido no Festivalito de La Palma como festival revelación e en 2015 levou o Premio Ascaso, que concede o Festival de Ascaso, en Huesca, a promoción do cine de autor no medio rural. En 2014, o Festival de Cans foi finalista do premio do público en Culturgal, á mellor iniciativa cultural de Galicia. A toda esta traxectoria de recoñecementos acadada en quince anos, hai que sumar os estudos feitos sobre o festival como o libro “Estudio do impacto dun evento cultural: o caso do Festival de Cans”, saído da tese de doutoramento sobre o festival que fixo Fran Núñez,e que aportou unha metodoloxía pioneira no xeito de medir o impacto dos festivais, agora utilizada por Agadic para poder medir o impacto en outros festivais.
O Festival de Cans quere compartir este premio tamén co resto dos festivais de cine de Galicia, que fan un enorme esforzo como mediadores entre os creadores e o público, e que precisan máis axudas para desenvolver o seu traballo, tanto a nivel galego como a nivel provincial.
A organización do festival quere agradecer o premio ao xurado que decidiu concederlle este galardón, que compartirá con personalidades relevantes da cultura galega, e será recollido nunha gala coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que terá lugar en Santiago de Compostela no mes de decembro.