A maxia e misticismo do Courel chega a Vigo coa estrea de “Trinta Lumes”

Publicidad

"Trinta Lumes", a primeira longametraxe da realizadora galega Diana Toucedo, chegará este venres a Vigo na súa estrea en nove salas de Galicia, Cataluña e Madrid.

A película, que ten sido exhibida en destacados festivais internacionais, como o de Berlín, onde se celebrou a súa estrea mundial, chega agora ao seu pase comercial. “Trinta lumes” foi rodada durante varios anos na mística e exuberante serra do Courel.

Producida pola empresa galego-catalá Lasoga Films xunto coa propia Diana Toucedo, o filme sitúase entre a ficción e o documental para lle propoñer ao espectador unha viaxe sensorial do visible ao invisible. A protagonista desta historia é Alba, unha rapaza de 13 anos, que desexa descubrir o descoñecido, o misterioso e o fascinante da morte. Xunto co seu mellor amigo, Samuel, entran en casas abandonadas, percorren aldeas destruídas e se adentran nas montañas do Courel, que agochan todo un mundo paralelo.

Segundo a súa directora, o reto cinematográfico era desvelar algo dese mundo máis oculto que visible, botando man da ollada do poeta Uxío Novoneyra, quen definiu O Courel como un iceberg. Con tal fin, a fita narra unha viaxe que parte da inocencia para descubrir o misterio da loita entre a vida e a morte.

A súa proxección en Vigo arrancará este venres, 8 de febreiro nos Multicines Norte. Ademais, celebraranse diversas presentacións previas á proxección. Así, o venres día 8 o director do festival Novos Cinemas, Ángel Santos, presentará o filme ás 20:10 horas. O sábado 9 será a filósofa e escritora Carme Adán a encargada de elaborar o particular prefacio á mesma hora namentres que o domingo 10 de febreiro o fundador da prestixiosa revista Tren de Sombras, José M. López, dará a súa particular visión do filme de Toucedo.

Trinta Lumes” proxectarase diariamente nos Multicines Norte de Vigo do 8 ao 14 de febreiro en versión orixinal en galego.

Salir de la versión móvil