A primeira retrospectiva dedicada ao brasileiro Aloysio Raulino (1947-2013) fóra do seu país terá lugar en Play-Doc 2018. Realizador nas marxes, brillante fotógrafo e cineasta singular hoxe recoñecido como unha voz única na cinematografía de Brasil, o festival de Tui acolle a obra dun cineasta de culto cuxo traballo constitúe unha xoia agachada. Brasil e o seu cinema terán especial protagonismo nesta décimo cuarta edición de Play-Doc, que tamén rende homenaxe a Ozualdo Candeias, pioneiro no “cinema marxinal” do seu país, do que se cumpre o centenario do seu nacemento. Play-Doc Festival Internacional de Documentais desenvólvese do 26 de abril ao 1 de maio. A organización do festival irá anunciando durante estas semanas previas toda a programación do mesmo.
Aloysio Raulino asinou boa parte dos seus traballos na década dos setenta. Malia ser estes uns anos prolíficos no cinema brasileiro, o certo é que a súa obra, fundamentalmente composta por curtametraxes, é pouco coñecida no seu país. Sen teses preconcebidas e con clara vontade de experimentación, Raulino encarna dalgún xeito o espíritu dos cineastas de vangarda dos anos vinte e trinta, cando todo parecía por descubrir no cinema e impúñase a invención de novas olladas e formas de produción. Preocupación social, poesía e certa dose de surrealismo danse a man nos seus filmes.
A retrospectiva de Aloysio Raulino programada no festival de Tui acolle títulos como “Lacrimosa” (1970), “Arrasta a Bandeira Colorida” (1970), “Jardim Nova Bahia (1971), “Teremos infância” (1974), “Tarumã” (1975), “O Tigre e a Gazela” (1977), “O Porto de Santos” (1978), “Noites paraguayas” (1982) e “Inventário da Rapina” (1985). O seu colega e discípulo Paulo Sacramento estará na 14ª edición de Play-Doc para presentarnos a súa obra da que sinala que “se ben hai pobreza e carencias retratadas en todos os seus títulos, en ningún deles existe o menor sinal de miseria”. En Play-doc 2018 poderemos ver ademais tres títulos nos que Raulino exerceu como director de fotografía e que son considerados filmes de grande relevancia no cinema de Brasil: “Braços cruzados, máquinas paradas” (1978) dirixida por Roberto Gervitz e Sérgio Toledo, “Serras de Desordem” (2006) dirixida por Andrea Tonacci, e “O prisioneiro da Grade de Ferro” (2003) dirixida por Sacramento, responsable de preservar e difundir a obra de Aloysio Raulino.
Pode ser do teu interese: Coñece como serán os obradoiros do Play-Doc 2018
Boca de Lixo
“A margem”, primeira longametraxe de Ozualdo Candeias filmada en 1967, é a película precursora do cinema marxinal de Brasil e acadará o recoñecemento como mellor película dese ano polo Instituto Nacional do Cinema de Brasil. Este filme poderase ver en Play-Doc 2018, xa que o festival rende homenaxe ao director. Fillo de labregos, o seu currículum antes de tornar a cineasta pasou polo agro, os taxis, a metalurxia ou os camións. Un dos máximos expoñentes do cinema de autor brasileiro, comeza a facer cine amateur nos anos cincuenta e foi un dos primeiros en filmar en Boca de Lixo, unha área de São Paulo coñecida pola súa marxinalidade, inaugurando un movemento que atoparía inspiración nesta zona e que a
convertiría en base do cinema independente de Brasil.
Ademais de “A margem”, o público de Play-Doc poderá ver “Aopção (ou: as rosas da estrada)” de 1981, que obtivo o Leopardo de Bronce no festival de cine de Locarno. Falecido en 2007, Candeias deixou atrás unha filmografía de trinta e tres obras; en case todas exerceu de director, guionista, cámara e montador. O prestixioso festival BACIFI, que celebra en Buenos Aires a súa edición número vinte a partir do 11 de abril como unha das máis importantes citas cinematográficas de América Latina, programa en 2018 a primeira retrospectiva internacional de Candeias. O Play-Doc de Tui, ten a honra nesta edición de contribuír ao coñecemento do seu traballo en España.
O equipo de Play-Doc afirma estar "especialmente satisfeito de servir de plataforma de difusión da cinematografía de dous nomes singulares de Brasil, apenas coñecidos fóra do seu país". Este é un cinema comprometido coa súa contorna social e, vala a redundancia, co propio cinema; fuxindo de camiños doados, rompendo, innovando e creando pezas que desde as “marxes” son hoxe referentes do mellor cine de autor. Play-Doc 2018 celébrase do 26 de abril ao 1 de maio en Tui; tras abrir as inscricións para obradoiros e seminarios, anunciar a sección a competición e o Play-Doc Live! co concerto de Rubblebucket en exclusiva en España, o festival aínda ten moita programación que desvelar nos vindeiros días.