A película 'Cuñados' lidera os nomeamentos para a XX edición dos Premios Mestre Mateo con 16 candidaturas, seguida polas longametraxes 'Jacinto' e 'Melancolía', que se alzan con 11. Pola súa banda, a serie 'Hierro' obtén oito.
A Academia Galega do Audiovisual anunciou este xoves os nomes dos proxectos e profesionais finalistas nesta edición, nun acto en Lugo coa presenza de Alba Mancebo, Esther Estévez, Beatriz Serén, Luís Iglesia e María Costas, quen desvelaron as candidaturas finalistas.
'Cuñados', 'Jacinto', 'Malencolía' e 'Tres' son finalistas a Mellor longametraxe, mentres que 'A poeta analfabeta', 'A virxe roxa', 'O gran camiño' e 'Welcome to ma maison' o son a Mellor documental. As finalistas a Mellor serie son 'Hierro', 'A lei de Santos', 'Auga Seca' e 'Método Criminal' e a Mellor serie web 'Cacola', 'Delicias Amargas', 'Mataría Microserie' e 'Xela Arias. A palabra esgazada', da Real Academia Galega.
Deste xeito, a primeira rolda de votacións das académicas e académicos converte ao filme 'Cuñados' na produción máis votada, conseguindo 16 candidaturas finalistas; seguida por 'Jacinto' e 'Malencolía', con 11; a serie 'Hierro', con oito; e 'Eles transportan a morte' e 'Tres', con seis. Os directores dos traballos máis votados, Alfonso Zarauza, Javi Camino, Jorge Coira e Toño Chouza, competirán polo premio á Mellor dirección.
Mellor interpretación
Ademais, 'Cuñados' acapara seis nomeamentos finalistas nas categorías de interpretación, co tres protagonistas do filme, Federico Pérez, Miguel de Lira e Xosé A. Touriñán competindo polo trofeo a Mellor interpretación masculina protagonista, xunto con Pedro Brandariz, por 'Jacinto'.
'Malencolía' logra cinco candidaturas finalistas para os seus intérpretes, recoñecendo o traballo das actrices de repartición Iolanda Muíños e Ledicia Soa e a protagonista Melania Cruz, así como o de Diego Anido e Ricardo de Barreiro, na categoría de Mellor interpretación masculina de repartición.
Dos 32 programas de TV presentados os votos das académicas e académicos elixiron 'Cinephilia', 'Clac', 'Cos pés na terra' e 'Dígocho Eu' e o traballo de Esther Estévez, Paco Lodeiro, Rodrigo Vázquez e Simone Saibene na categoría de mellor comunicador/a.
O videoclip da canción 'Figa' de Tanxugueiras é finalista xunto con 'El volcán' de Pablo Lesuit, 'Fukushima' de Triángulo de amor bizarro e 'Voucho contar así' de Grupo Antilia. 'A comuñón da miña prima Andrea', 'Augas Abisais', 'Aura e Fracturas' son as finalistas na categoría de mellor curtametraxe; e 'E Lalín sóache?', 'As estrelas do camiño. Miradas de resistencia', 'Redes vivas' e 'Xacobeo, camiña a Galicia' na de mellor anuncio.
A Gala de entrega de premios na que se dará a coñecer o palmarés dos XX Mestre Mateo terá lugar o sábado 19 de marzo no recinto de Expocoruña.