Matria, a ópera prima de Álvaro Gago, terá a súa estrea mundial na Berlinale, que se celebra en Berlín do 16 ao 26 de febreiro, a competición dentro da sección Panorama. A súa estrea comercial nas salas de cinema está prevista para o 24 de marzo. Trátase da primeira longametraxe do cineasta galego e parte da personaxe principal da curtametraxe homónima que levou a Álvaro Gago a recibir innumerables recoñecementos a nivel nacional e internacional, como o Gran Premio do Xurado no Festival de Sundance 2018 ou a selección como finalista ao Goya á Mellor Curtametraxe de Ficción en 2019.
María Vázquez (O corpo aberto, Trote, Quen a ferro mata) interpreta a Ramona. Completan o reparto Soraya Luaces, Santi Prego, Eduardo R. Cunha ‘Tatán’, Susana Sampedro e Francisca Iglesias, protagonista da curtametraxe e da historia real na que se inspira o filme.
Rodada en galego en distintas localizacións do Salnés e de Pontevedra, Matria está producida por Matriuska Producciones, Avalon P.C, Elastica Films, Ringo Media e Felicidad La Película, AIE. Avalon encargarase da distribución nacional, con estrea en cinemas o 24 de marzo, e New Europe Film Sales ocúpase das vendas internacionais. Conta co financiamento do ICAA (Ministerio de Cultura) e de Agadic (Xunta de Galicia), coa participación da Televisión de Galicia, de Movistar e de The Screen, e coa colaboración da Deputación de Pontevedra e mais do Concello de Pontevedra.
Matria formou parte de La Incubadora de ECAM e participou en diferentes laboratorios e programas de desenvolvemento internacionais como C EU Soon do Mia Market (onde obtivo un premio de difusión de Screen International), L'Alternativa Mentoring, Abycine Lanza, Cinemed - From Short to Long, MFI Script Lab 2 Film Workshop, TIFF Academy, Sevilla Co-Production Market, Berlinale Co-Production Market ou D'A Film Lab.
Notas do director Álvaro Gago
‘Matria’ inspírase na vida de Francisca Iglesias, unha heroína anónima que coidou o meu avó durante os derradeiros anos da súa vida e coa que manteño unha íntima amizade. Unha muller cunha vida complicada á que nunca se lle permitiou mostrarse tal como é. Na casa do meu avó non atopou o fogar perfecto, pero si un lugar onde xa non sentía a necesidade de protexerse.
Foi a súa historia persoal, pola que sinto unha admiración sincera, a que me levou a empezar a escribir. Rodamos a súa loita diaria na miña curtametraxe ‘Matria’, na que a propia Francisca interpretaba o papel principal. O formato curto obrigou a enfocarnos en nada máis que algúns aspectos da súa vida e deixar a un lado un universo rico e convulso, que é no que decidín seguir afondando na miña primeira longametraxe.
Era importante levar esta historia á pantalla porque precisamos que persoas coma Ramona dean un paso á fronte. É a través de historias coma a dela que temos que mirarnos ao espello e repensar a nosa realidade máis inmediata. En ‘Matria’ conviven o peso da realidade e a influencia do mito, o carácter dunha rexión e a universalidade da súa natureza, a historia persoal dunha muller e a historia de todo un territorio.
Sinopse
Ramona vive nunha vila de Galicia sumida nun contexto laboral e persoal tenso e impredecible. Sempre sacrificándoo todo polo futuro da súa filla Estrella, verase empurrada a mirar cara a dentro e a pensar que, tal vez, haxa algo novo polo que vivir
A traxectoria do vigués Álvaro Gago
Álvaro Gago (Vigo, 1986) estuda comunicación e música en Pontevedra, teatro en Chicago e cinema na London Film School, onde se gradúa no 2013 coa curtametraxe Curricán, gañadora do premio á mellor dirección en Curtocircuito e á mellor película no Festival de Cans. En Londres establécese como montador e compaxina o seu traballo coa impartición de clases na Young Film School e coa organización do Galician Film Forum.
En 2017 dirixe Matria, curtametraxe finalista dos Goya 2019 e gañadora do Gran Premio do Xurado do Festival de Sundance 2018. Ese mesmo anno edita Trote, a primeira longametraxe de Xacio Baño, que ten a súa estrea mundial no Festival de Locarno 2018 e a nacional no Festival de San Sebastián 2018. A súa última curtametraxe, 16 de decembro, finalista nos Goya 2021, estreouse no Festival de Locarno 2019.
A súa primeira longametraxe, titulada Matria coma a curta, estréase na sección Panorama da 73.ª edición da Berlinale en 2023. Actualmente está a desenvolver a súa segunda longametraxe, Porto Alegre, no marco do programa Rueda da Academia de Cine.