O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela organiza o ciclo Novo Cine Galego para este Nadal. Con esta actividade preténdese difundir as novas xeracións dedicadas ao cine galego que teñen como protagonista a nosa lingua e que consegue numerosos recoñecementos internacionais tanto en curta como longametraxe.
A primeira película será “O que arde”, de Óliver Laxe. Esta obra está a recibir dende a súa estrea, numerosos premios en distintas categorías en destacados certames internacionais como Cannes, Toronto ou Mar de Plata. Trátase dunha peza de arte dedicada á reflexión da Galicia rural tendo como fondo a problemática dos incendios.
A proxección de “O que arde” será o venres 29 de novembro, ás 20:30 horas, no Auditorio da Xunqueira. A entrada bono terá un custe de 2 euros ata completar aforo. Ademais, o pase contará coa asistencia de Amador Arias, protagonista da película, para establecer un coloquio.
Dende o Servizo de Normalización Lingüística sinalan que ao non haber salas de cine en Redondela, é unha responsabilidade da Administración local ofertar este tipo de actividades a un prezo popular e achegar, desta forma, produtos culturais de alta calidade.