A primeira novela contemporánea das letras galegas, Maxina ou a filla espuria, volve ás librarías 141 anos despois da súa publicación por primeira vez nunha edición especial que presenta a obra ao público lector do século XXI e inclúe a reprodución facsimilar do manuscrito conservado no arquivo da Real Academia Galega. Marcial Valladares (1821-1903) escribiu Maxina ou a filla espuria dez anos antes, en 1870, pouco despois de rematar a versión inicial do seu Diccionario gallego-castellano, o primeiro gran dicionario da lingua galega e a obra que lle reportou un maior respecto entre os coetáneos. Pero o protagonista do Día das Letras Galegas de 1970 tamén foi gramático, desenvolveu unha notable recollida de cantigas e refráns, e mereceu un lugar destacado no Rexurdimento como pioneiro no uso do galego como poeta e autor de Maxina. A edición semifacsimilar da obra será presentada este mércores ás 19:00 horas en Berres, a parroquia da Estrada onde naceu e viviu.
A Editorial Galaxia volve levar ás librarías Maxina ou a filla espuria coa colaboración da Real Academia Galega e a secretaría xeral de Política Lingüística. A dixitalización do manuscrito conservado na RAG foi realizada por Unayta. O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, participará na presentación do volume canda o director xeral de Galaxia, Francisco Castro; o responsable da edición, Xesús Domínguez Dono; o alcalde da Estrada, José López; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Maxina ou a filla espuria publicouse por primeira vez en 1880, o mesmo ano que saíu do prelo Follas Novas de Rosalía de Castro. A obra viu a luz en dezaseis entregas na revista La Ilustración Gallega y Asturiana, dirixida por Manuel Murguía. Seguindo os trazos do folletín, a novela narra a historia desgraciada de Otilia de Sancti-Petri, unha moza da burguesía compostelá que é violada nun baile de máscaras e queda embarazada dunha cativa á que chamará Maxina. A pequena será criada por dous labregos, Inés e Caitán, xunto ao seu medio irmán Ermelio, afillado de Salvio, o señorito de Rebordán, namorado e pretendente de Otilia. O azar folletinesco da novela, ambientada nas mesmas paisaxes da Ulla nas que Marcial Valladares desenvolveu o groso da súa actividade literaria e lingüística, permitirá acabar coñecendo a orixe de Maxina e o seu futuro, descubrir o autor da violación e proclamar a inocencia de Otilia.
Marcial Valladares estudou dereito e tras traballar como funcionario e dedicarse á política retirouse na década de 1860 á casa familiar de Vilancosta, en Berres, onde desenvolvería un un intenso labor intelectual que abrangueu obras de eidos moi diversos, dende a música e a botánica ata o folclore que recolleu na comarca natal. Este último é o tema do Cantigueiro popular (1867), cuxo texto orixinal tamén conserva o arquivo da Real Academia Galega. A institución custodia ademais, entre outros documentos producidos polo autor, o manuscrito Composiciones gallegas, unha serie de versos compostos na década de 1840; e material léxico autógrafo do seu dicionario, doados polos fillos de Crisanto Sanmartín Beiroa (1914-2000), quen durante décadas foi o responsable da imprenta da que saíu por primeira vez este manual fundamental da historia da lexicografía galega. El foi, seguramente, o encargado de salvar da destrución durante a posguerra estes papeis agora a disposición da comunidade investigadora.