A Real Academia Galega abre no colexio vigués de Xela Arias unha Primavera das Letras

Publicidad

A Real Academia Galega celebrou este martes no CEIP Sárdoma-Moledo (Vigo) a presentación da Primavera das Letras de Xela Arias da man da súa familia e da comunidade educativa do colexio onde a autora estudou a partir dos sete anos. O proxecto dixital fornecerá os nenos e nenas de diversos recursos lúdicos e didácticos, descargables e interactivos, para achegalos á figura da escritora, editora e tradutora á que a institución dedica as Letras Galegas 2021. Coa posta en marcha desta páxina web específica para o público infantil, a Academia complementa nas vésperas do aniversario de Xela Arias –nada o 4 de marzo de 1962– a súa oferta de xanelas virtuais sobre a súa vida e obra.

“Para a Real Academia Galega, este encontro de presentación da Primavera das Letras, que facemos todos os anos cos rapaciños e rapaciñas que están descubrindo o mundo, as palabras e tamén a significación da literatura, é unha festa”, expresou o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes. “Nesta ocasión a figura de Xela Arias convoca todo o cariño, toda a sorpresa, toda a alegría que ten sempre a palabra da poeta nas novas xeracións, que son unha sementeira de esperanza”, engadiu.

A Real Academia Galega mantén a web primaveradasletras.gal dende o ano 2016 co apoio da Deputación da Coruña. A que é xa a sexta edición arrinca cunha ficha biográfica sobre Xela Arias e unha actividade interactiva sobre Vigo. A estes contidos sumaranse nas vindeiras semanas outras propostas para achegarlles aos nenos e nenas o mundo da poesía, da edición e da tradución a través da obra da protagonista das Letras Galegas 2021; e tamén para coñecer a súa Sarria natal, o seu compromiso co coidado ambiental ou a súa afección pola música, explicou Fina Casalderrey.

Placa de recordo no patio

O colexio recordará tamén para sempre que Xela Arias foi parte del, como sinala a placa que se descubriu no patio momentos antes de comezar a presentación de Primavera das Letras. “No CEIP Sárdoma-Moledo estamos moi orgullosos de que Xela Arias sexa a persoa homenaxeada das Letras Galegas 2021. O seu pai, Valentín Arias, tamén foi mestre da nosa escola durante moitos anos polo que estamos dobremente contentos”, expresou a directora do colexio, Pilar Vila Nieto. “Ambos os dous fixeron unha firme defensa da escola pública, da igualdade, do respecto polo medio ambiente e do noso idioma. Estamos seguros de que os nenos e nenas que hoxe temos nas nosas aulas tamén serán persoas que loiten, cada unha á súa maneira, por facer un mundo mellor”, concluíu.

A inauguración de Primavera das Letras contou coa colaboración dunha representación de alumnas e alumnos do colexio, que representaron distintos momentos vitais de Xela Arias e lles puxeron voz a varios dos seus poemas. Parte deles pertencen a Darío a diario, o libro que a poeta dedicou ao seu fillo. Hoxe Darío Gil Arias pon en valor no marco deste proxecto o labor da súa nai como profesora e tradutora, dous perfís menos coñecidos que a súa faceta como poeta, pero tamén moi importantes para o futuro do idioma, expón no vídeo de presentación de Primavera das Letras. “Son os profesores os que moitas veces fan que a cultura penetre nos rapaces e, deste xeito, non só non se perda senón que se comece a recuperar, como estamos a ver agora cos neofalantes”, reflexiona.

Salir de la versión móvil