A serie Auga Seca levará o galego e a Vigo á plataforma HBO

Publicidad

Auga Seca, un thriller de seis capítulos en torno ao mundo do tráfico de armas, rodado en Vigo e Lisboa, incorpórase ao catálogo de HBO España e HBO Portugal. Logo da súa estrea mundial na última edición do MIPCOM de Cannes o pasado outubro e unha gran acollida de audiencia en RTP e TVG, a serie, creada por Alfonso Blanco e protagonizado por Victoria Guerra, Monti Castiñeiras e Sergio Pazos, terá dispoñibles todos os seus episodios para os subscritores da plataforma nos dous países a partir do 1 de abril.

Rodada orixinalmente en galego e en portugués, baixo a premisa do realismo e a naturalidade, que fai que as personaxes de cada un dos dous lados da fronteira falen na súa lingua, Auga Seca é a primeira serie en lingua galega que se incorpora ao catálogo de plataforma, que tamén ofrecerá versión dobrada ao castelán e con subtítulos en español e en inglés. Coa incorporación ao catálogo de HBO España e Portugal desta ficción, desenvolvida pola produtora galega Portocabo e coproducida xunto á portuguesa SP-i, Auga Seca avanza na súa difusión internacional a través da distribuidora británica DCD Rights.

Auga Seca é un drama policial situado no universo do tráfico de armas e as súas conexións co mundo empresarial, no que Teresa, a actriz portuguesa Victoria Guerra, vese envolta nunha trama na que nada é o que parece. Guerra traballa a carón dos recoñecidas actores galegos Monti Castiñeiras e Sergio Pazos como protagonistas. Os actores galegos Eva Fernández, Paloma Saavedra, Santi Romay, Cris Iglesias, Adrián Ríos e os portugueses Adriano Luz, Joana Santos, Igor Regala e Joao Arrais son algúns dos nomes que completan o elenco internacional da serie.

Toño López asume a dirección baixo a produción executiva de José Amaral de SP-i e Alfonso Blanco de Portocabo, creador da serie. O guión corre a cargo de José Rubio, Carlota Dans, Lidia Fraga, Eligio Montero, Carlos Portela e Ana Míguez; a dirección de fotografía é de Ricky Morgade, a dirección de arte de Andrea Pozo e a música de Elba Fernández e Xavi Font. Sumando forza a este equipo internacional atópanse destacados profesionais do grupo SP Televisao, ao que pertence SP-i, cuxas series foron premiadas nos prestixiosos International Emmy Awards.

https://www.youtube.com/watch?v=YDgNOO2tYHA

Salir de la versión móvil