Un ano máis a Universidade de Vigo volve confiar no humorista gráfico Luis Davila para animar á comunidade universitaria a falar en galego. Faino no xa tradicional calendario da Área de Normalización Lingüística que nesta nova edición, correspondente a 2025, segue a traxectoria da campaña Galego de Tranquis, “dirixida a captar as persoas neofalantes dun xeito agarimoso e comprensivo”, tal e como explica a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, quen fai fincapé en que o fundamental é espallar o uso do galego, “deixando claro que a única forma de falar con soltura un idioma é practicalo” e, “se ben os inicios non son doados, nunca hai que desanimar a quen comete erros”.
“O xeito de comunicar de Luis Davila é rotundamente maxistral”, salienta a vicerreitora, ao tempo que explica que desde o primeiro intre no que lle ensinaron a campaña non fixo falta moito máis. “Comprendeu perfectamente cal era a nosa mensaxe e transmitiuna desa maneira tan súa, tan acaída”, ao que engade que “con sensibilidade, humor e retranca expresa a idiosincrasia do máis senlleiro do galego”.
Versión impresa e en liña
A través de 13 láminas, a portada e unha por cada un dos meses, recolle diferentes situacións nas que se aborda “á perfección” o ideario da campaña Galego de Tranquis en relación a como debe tratarse ás persoas que acaban de incorporarse ou están a punto de facelo a falar en galego: “de vagar, paseniño, sen présas... pero cara adiante”. A iniciativa púxose en marcha hai pouco máis dun ano e, a xuízo da vicerreitora, o balance é positivo, se ben algunha das accións que se contemplaban van máis lentas do desexado, polo que xa se están a argallar novas vías de incentivación.
Cunha tirada de 2000 exemplares impresos, a partir deste semana poderán recollerse nas conserxerías das distintas escolas, facultades e edificios administrativos. A versión en liña xa está tamén dispoñible.