A curtametraxe Xoves de comadres, da realizadora viguesa Noemí Chantada, foi a trunfadora da XVII edición do Festival de Cans ao facerse con catro dos principais premios. O xurado outorgoulle oa galardóns á Mellor Curtametraxe e Mellor Guión. Ademais, obtivo as distincións que outorgan o Público e o Xurado dos Veciños e Veciñas.
O xurado destacou de Xoves de Comadres “a visión naturalista” e a “sensibilidade” amosada “á hora de crear un espazo de intimidade e verdade sobre a soedade e abandono da terceira idade cunha mirada crítica e profundamente humana”. Salientou, ademais, “o delicado traballo conseguido entre a directora e as súas actrices de lograda emoción”.
Noemí Chantada acaba de obter no Festival de Málaga, con esta mesma curtametraxe, a Mención especial do Xurado, a Biznaga de Prata e o Premio do Público. A realizadora traballa dende hai quince anos coma directora de fotografía e cámara. En 2016 fundou a produtora Islandia Producciones. Na décimo quinta edición do Festival de Cans, a de 2018, Noemí Chantada xa obtivera unha mención especial do xurado pola cinta A Muller Invisible.
Dous premios para 16 de decembro
O filme 16 de decembro, de Álvaro Gago, acadou os recoñecementos á Mellor Dirección e á Mellor Fotografía, de Lucía C. Pan. Os membros do xurado destacaron desta cinta o “rigoroso” da súa realización e o “bo pulso e mesurada emoción” coa que a trata unha realidade tan grave coma é a das agresións sexuais e a indiferenza que a miúdo a rodea.
A intérprete Bruna Cusí fíxose co galardón á Mellor Actriz pola súa actuación en Todo el mundo se parece de lejos. Cusí obtivo o Premio Goya á Mellor Actriz Revelación polo filme Verano 1993, de Carla Simón. Pola súa banda, Denís Gómez obtivo a distinción ao Mellor Actor polo seu traballo en Mentres iso pasa, dirixida por Nacho Ozores.
A relación de galardóns do xurado das sección de Ficción e Animación complétana os recoñecementos a Mario G. Cortizo pola Banda Sonora da curtametraxe Conte Trencat de Miguel Gago; e o premio á Mellor Curta de Animación, que foi para El Gran Corelli, de Abel Carvajal. O xurado destacou desta película que “dota de vida a un pequeno gran personaxe e que cunha técnica impecable e unha aparencia inofensiva e poética móstranos unha historia crúa e desgarradora”. Carvajal é un animador da Estrada de tan só 24 anos que traballa actualmente na produtora Laika Animación, unha das máis importantes anivel global.
O xurado de Ficción e Animación do Festival de Cans estivo integrado este ano pola directora Paula Cons, a produtora Andrea Vázquez, o actor Milo Taboada, o produtor Daniel Froiz e o crítico de cinema Julio Feo.
FuraCáns e Novas Camadas
Entre as cintas competidoras na sección FuraCáns, gañou a curtametraxe Notas sobre a habitabilidade en A Barca, do Colectivo Semente, formado por Paloma Hernández, Pablo Paloma e Andrés Fernández-Albalat. Para o xurado, esta película é unha aposta por un cinema pensado “como lugar de encontro entre a experimentación formal e o achegamento antropolóxico, dende un concepto de colectividade”. Este filme tivo a súa estrea absoluta no Festival de Cans e saiu dun traballo dos seus directores na Elías Querejeta Zinema Eskola.
Tamén na sección FuraCáns, a cinta Usos e Costumes, de Iria Silvosa, obtivo unha Mención de Honra “por convidar ao espectador a observar os xestos da vida cotiá dende a confianza na imaxe”.
O xurado desta sección, onde compiten os traballos documentais e de videocreación, e de Novas Camadas, estivo integrado pola montadora Julia Juániz, a directora Jaione Camborda e máis o director Ángel Santos.
A sección Novas Camadas incorporouse esta ano por vez primeira ao Festival para recibir traballos de creadores e creadoras noveis. E a curtametraxe gañadora desta súa primeira edición foi Onde durmen as gaivotas, do vigués Dani Cornes. É unha curtametraxe gravada nas Illas Cíes. Toda Aspereza, de Pablo Aguilar, obtivo unha mención de honra.
O premio ao Mellor Videoclip foi para As crónicas, de Os amigos dos músicos, realizado por Rubén Domínguez. O xurado formárono a música Isabel Fernández Reviriego, o guionista Pablo Portero e o xornalista e crítico musical Fernando Neira. Destacaron, do videoclip premiado, o “despregamento de produción”, a “beleza dos planos e as texturas”, e “unha montaxe marabillosa”. Tamén recibiu unha mención especial o videoclip de Fisterra, de Baiuca, realizado por Adrián Canoura: “Fixo gala do menos é mais, e que con poucos recursos fixo algo moi especial e utilizou moi ben as imaxes de arquivo”.
O Festival de Cans entregou onte, na súa gala final do seu día grande, os galardóns correspondentes á súa 17ª edición. Coa entrega dos premios remataba a edición do certame na que máis películas se estrearon: un total de 15. Competían 25 longametraxes e 15 videoclips. A situación sanitaria fixo que esta fose a edición máis singular do Festival. O público demostrou un comportamento excepcional e respectuoso coas normas de prevención da Covid deseñadas para garantir a saúde de veciños e veciñas de Can, dos asistentes, e do equipo do Festival.