O Festival de Cans sube este mércores o pano. Comeza unha función de catro días intensos, catro xornadas cunha programación na que o cine compartirá importancia coa música, a gastronomía ou a literatura. Alfonso Pato (Cans, 1969), pai desta idea que converteu unha aldea da Louriña na sede dun dos eventos máis importantes do sétimo arte a nivel nacional, recibe a Metropolitano.gal na parroquia porriñesa días antes do inicio dese festival do "agroglamour" que reúne cada ano a milleiros de persoas. O director desta cita imprescindible do ano en Galicia repasa os inicios, o presente e o futuro dun Festival de Cans que, dende hoxe, celebra as súas 15 primaveras.
- O Festival de Cans cumpre este ano a súa decimoquinta edición, como se está a portar o adolescente?
- Creo que con todo o que iso leva, a curiosidade, abrir os ollos ao mundo, non perder a ilusión polo futuro que poida vir por diante, esa é a forma de afrontalo. E tamén un xeito que temos como filosofía que é o de renovarnos cada ano, non dar por feito todo o que fixemos, afrontalo dende cero, no punto de vista dos contidos e nos espazos que abrimos para o público.
- Explícanos ese afán de transformación do evento dende o seu nacemento ata agora
- Os contidos non variaron moito, o festival ten a súa esencia no cine, nas curtametraxes, nos novos creadores e tamén unha parte musical importante, moitas veces vinculada a proxectos de cine e audiovisuais, pero outras que non están relacionadas directamente. Nos últimos anos o festival tivo unha evolución de cousas invisibles, como unha madurez organizativa que estamos acadando, especialmente no último lustro, nos fixemos moito máis maduros. En canto a os contidos foise ampliando, abrindo novas sección, entrando en partes máis internacionais, ampliando os coloquios co público, unha parte que enriquece moito aos directores e directoras e tamén ao público. O Festival foi guiando os seus contidos en función da demanda e tamén en función de escoitar cousas que pasaban na sociedade.
- Como xorde a idea de crear un festival de cine en Cans?
- A idea non pasaba de divertirse unha tarde, tomar unhas cervexas e facer unha actividade cultural. Eu traballaba na televisión, coñecía a xente do cine e iso empezou unha tarde de sábado con esa singularidade das proxeccións nos galpóns e nas adegas e de transportarse en chimpíns. O Festival non tiña unha intención máis alá, pero dende a primeira edición vimos que podería ter moito potencial. Así foi como empezamos a desenvolvelo, a medrar e abrilo máis días ata chegar ao formato actual de catro días intensos que temos no festival.
- Quen acuñou o xogo de palabras entre Cannes e Cans?
- Era un xogo que facíamos aquí dende pequenos, un chiste que era como unha demanda popular.
- E o termo "agroglamour"?
- A primeira vez que vin ese titular foi por Álvaro Penas, un xornalista que traballaba en La Voz de Galicia. Creo que foi un gran acerto, calou moito na xente e define moi ben o que é o festival, unha mestura entre o rural e o glamour da xente do cine e a televisión.
É do teu interese: Gaña dúas entradas para asistir ao Festival de Cans
- Custou moito convencer aos veciños desta historia?
- Ao principio non foi fácil porque non sabíamos explicar o que queríamos facer pouco máis dunhas proxeccións nos galpóns e nas adegas. Os veciños déronse conta de que a cousa ía en serio cando empezaron a ver caras coñecidas nas súas fincas ou adegas e entón prestáronse moito a colaborar.
- Que supón para unha aldea como Cans acadar trascendencia nacional e internacional?
- Hai uns anos un veciño díxome que o nome de Cans xa non ten o mesmo significado. Antes era o nome de aldea e agora é moito máis. Cando dis Cans hai un contido metido que ten que ver co cine, coa cultura no mundo rural e con un evento de certa transcendencia. Os veciños, coma nos mesmos dende a organización, fomos asimilando iso pouco a pouco. Chegamos a pensar que o Festival era como un cabalo desbocado, medrou todo tan de repente que nos vimos desbordados, pero iso regulouse moi ben, está asimilado e interiorizado. Case toda a xente da aldea ten algo que ver co festival nestes últimos días antes da celebración.
- Que papel xoga o Festival de Cans como impulsor de novos creadores?
- Temos que ser unha ferramenta mediadora entre o público e os creadores. O papel que xogou en quince anos é obxectivo pola cantidade de directores e directoras que pasaron por aquí, como Dani de la Torre, Xacio Baño, Alberto Vázquez, Olga Osorio… Facemos tamén esa labor de atraer e reclutar creadores e poñelos nun escaparate de visibilidade, coma no caso de Ángeles Huerta ou Álvaro Gago, que vivían en Londres e non eran coñecidos aquí.
- Son as curtas unha canteira de novos creadores e cine en formato longa?
- Creo que hai dúas vías, proba disto é a selección de curtametraxes que temos este ano en Cans, cunha xente que xa fixo algunha longa e volve as curtas ou con novos creadores e creadoras formados en moi boas universidades e cidades do mundo.
É do teu interese: Así son as curtas que compoñen a sección oficial de ficción
- Como deches con eles?
- Foi unha casualidade porque ía dar un coloquio a Londres. Levoume o profesor Xaime Varela, moi importante na conexión entre Galicia e Londres. Indepentemente do coloquio, quedamos para tomar un café con outras cinco persoas e ao final eran corenta e todas interesantísimas. Saín dalí absolutamente fascinado co traballo de Álvaro Gago, Pablo Romero, Ángeles Huerta ou Borja Santomé, xente que facía cousas moi interesantes, e o que fixemos foi arrastralos ata aquí.
- Existe esa xeración coñecida como "Novo Cinema Galego"?
- Existe sobre todo con dous ou tres creadores dunha enorme dimensión, sobre todo no caso de Oliver Laxe, un cineasta estratosférico, que marca unha diferencia e arrastra aos demáis. Hai unha forma de narrar, paixasística ou contemplativa, que roda sen actores. Dende Cans, nos últimos anos, fixemos unha liña paralela a este cinema, cercano a non ficción, e abrimos a sección de Furacans, que penso vai ter un enorme éxito porque era unha demanda, case un clamor.
- Cal é o papel da muller en Cans?
- Temos un compromiso coa igualdade dende o principio. En todas as edicións tivo mulleres no xurado e na competición. E, dende 2015, temos un decálogo da visibilidade da muller. Nos rexemos por unhas normas que teñen que ver cos xurados paritarios, porcentaxes de mulleres en concursos, coloquios e homenaxes. Está interiorizado na organización e este ano damos un paso máis, non só nos números senón nos contidos que van a ter a muller como epicentro: un ‘storyboard’ para nenos sobre María Casares, un documental sobre unha mestra de Cans o ‘Debuxa Cans’, concurso participativo para colexios, sobre as superheroína…
- Un dos atractivos do festival é a programación dedicados aos máis pequenos. En que consiste este ‘Mini Cans’?
- Xurdiu pola necesidade dunha demanda dos pais que estamos entre os 40 e 55 anos. Nos gusta ir cos fillos aos festivais e que haxa alternativas de día. A iniciativa foi un éxito e cada ano hai máis actividades. Cans rexeita e abomina o inchable e ese tipo de enchentes de centros comerciais. A nosa intención e didáctica e que parta do mundo do cinema.
É do teu interese: Os cinco concertos imprescindibles do Festival de Cans
- Fernando León, Isabel Coixet e, este ano, Fernando Trueba pasaron polo Torreiro das Estrelas, que estrela lle falta a Alfonso Pato en Cans?
- Poderíamos dicir moitos nomes, estaría moi ben que viñera Clint Eastwood algunha vez antes de que nos deixara, pero estamos moi satisfeitos coa xente que pasou por aquí. É moi complicado traer a un director ou directora aquí cando non estrean ningún filme. Ninguén nos dixo nunca que non viña, pero tardamos moitos anos en xestionalo. Insistimos e logramos que viñeran. Aquí asistimos a coloquios máxicos con José Luis Cuerda, Montxo Armendáriz e a propia Isabel…
- Cannes veta os produtos de Netflix, que opinas deste tipo de plataformas?
- Depende do tipo de películas. Nalgúns casos, se o autor non marca un pouco a liña, pode ser un contido adulterado. Non considero que o mellor cine se fai nas serias, faise no cine. As series están pensadas para outro tipo de pantalla, formato e televisión. Está moi ben que as cadeas invistan no cinema, pero é moito máis libre cando invisten os medios públicos e non privados, que buscan un xénero máis de acción ou thriller. Non é mellor ou peor e hai directores que o fan marabillosamente ven.
- Que lle recomendarías ao público?
- Se viñera a Cans o que faría sería distribuír moi ben o meu tempo, aquí dórmese pouco. Aquí hai tres vías de afrontar o festival: dunha forma completamente cinéfila, vendo todo o que hai; dunha forma totalmente musical, cos concertos; ou dun xeito de ocio e lecer, tirado debaixo dunha viña, tomar unha cervexa e falar coa xente… pero o ideal e conxugar as tres cousas. dórmese pouco.
Unha boa opción e vir a sesión de mañá, das curtas de competición que se paran para o coloquio de Fernando Trueba. Pola tarde combinar un pouco entre cine con cousas como Invernadoiro, onde está Kevin Weatherill, Pantis ou a estrea do filme ‘Sevilla e Gomorra’ de Ángel Filgueira; con actuacións musicais e unhas cañas a medida que vai terminando o día.
- Temiches pola viabilidade do Festival durante a crise?
- Si, máis dunha vez. De feito, os festivais de cine e doutro tipo en Galicia teñen un problema que aínda non está resolto coa administración: non temos vida máis alá dun ano. É certo que concorremos a un sistema de axudas bastante decente, pero hai países nos que se traballa xa con dous anos. Aquí non existe o medio prazo. O Festival de Cans, ademais, non depende plenamente de cartos públicos (un 25-30% como máximo), xera os seus recursos propios e os seus patrocinadores privados.
É do teu interese: "Terito", un dos protagonistas dos coloquios do Festival de Cans
- Como xestionas as axudas, públicas ou privadas?
- Agora mesmo temos un problema coa Deputación de Pontevedra, que non concedeu nin fixo pública ningunha axuda ao festival. É moi difícil traballar cun presuposto a ollo, nos crea un problema moi grave e non só a nós, senón a todos os festivais da provincia de Pontevedra que se celebran en maio, como a Primavera do Cine ou o Play Doc. Hai un problema de fluidez e, as veces, os atrancos administrativos non son complexos de solucionar senón que falta vontade para solucionalos.
- A cultura non interesa na política?
A cultura interesa moi pouco á xente que goberna e case de todas as cores. As veces teñen máis preocupación porque a cultura non se rebele que unha verdadeira intención e vontade de ter unha política cultural con amplitude de miras. Hai ano e medio, Feijoo, o presidente da Xunta, dixo que iba a haber un plan estratéxico da cultura galega e seguimos sentados esperando por ese plan. Non hai unha intención nin unha vontade política de facer algo en profundidade.
- Explica iso a suspensión do Diario Cultural de Ana Romaní?
- A aniquilación do Diario Cultural ten varias lecturas. Unha é un aspecto moi claro de erradicar calquera espazo que xere opinións críticas e darlle máis horas a contidos acríticos como a gastronomía, a meteoroloxía ou os deportes. Outra é unha intención clara de acabar co xornalismo cultural, o último bastión. Esa desaparición escenifica o fin dunha época e tamén a marca dunha política cultural, a do Partido Popular, que non é unha aposta pola cultura, senón por tapar ocos. Por moito que se diga agora que se vai facer un espazo transversal, a transversalidade solo leva a desaparición, solo é un eufemismo.
- Viviches a censura na túa época de traballador na Televisión de Galicia?
- Creo que todos os que traballamos nalgún momento alí dentro tivemos autocensura porque chega un momento que te cansas e é unha forma de evitarse problemas. Cando hai un intento de protesta colectiva a metade fuxe e non protesta, a non ser o que está pasando coa Televisión Española, cun cambio de actitude, de modelo. Esa protesta de vestirse de negro é moi visible, intelixente e silenciosa, pero que entra polos ollos. Os medios públicos necesitan un cambio de modelo, pero non sei se lle interesa a todos os partidos. Nin dende a oposición hai unha constancia nin un traballo por reformar todo esto.
- Como foi a túa experiencia, inicio e final, en Onda Curta?
- Era o primeiro programa de curtametraxes da Televisión de Galicia. Cheguei xusto despois de facer o festival de Cans e pensaron en min. Foi unha gran experiencia, serviu para potenciar novos creadores. O que máis me doe non foi a desaparición en si, senón que a televisión pública non teña un espazo para dedicarlle aos novos creadores. E non por falar deles, senón que a súa obra se mostre. Non lle compramos a obra e nin a visibilizamos, fora de ese delirio que se lle ocorreu a TVG de pedir as curtametraxes de forma gratuíta. Unha parte de culpa a teñen os propios curtametraxistas e realizadores, que deberían reclamar visibilidade. Creo firmemente que os medios públicos serven para algo, pero solo se se gobernan dun xeito que sirva para algo.