O cineasta vigués Álvaro Gago impartirá unha master class dentro do programa da nova edición do festival Primavera do Cine en Vigo, que terá lugar entre o 8 e o 13 de maio.
Gago, que recibiu hai pouco o gran premio do xurado na categoría de curtametraxes do prestixioso festival de cine Sundance grazas a Matria, estará o 12 de maio de 10:00 a 14:00 horas dando unha clase maxistral titulada "O camiño tamén é un lugar" no Auditorio Municipal de Vigo (Praza do Rei).
Como será a master class?
A master class versará sobre a relación que existe entre a produción e a dirección á hora de levar a cabo un proxecto cinematográfico.
Dentro da clase abordaranse, entre outros, aspectos tan importantes como o casting ou a dirección de actores e actrices non profesionais. Ademais, Gago expoñerá tamén a súa visión particular do que é facer un filme poñendo como exemplo Matria.
Os participantes da master class poderán asistir de balde ao bloque 3 de curtametraxes onde se proxectará Matria tanto o venres 11 de maio a partires das 19.30 coma o sábado 12 de maio ás 18:30, ambos pases no Museo Marco.
As entradas, a un prezo de 20 euros, poderanse adquirir desde hoxe a través da web do Primavera do Cine mediante o método de pago PayPal. As prazas asignaranse por orde de inscrición ata completar a cabida.
Quen é Alvaro Gago?
Álvaro Gago é un cineasta vigués que está a colleitar grandes éxitos cos seus traballos audiovisuais.
No 2013, Gago graduouse na London Film School con Curricán, unha curtametraxe que tamén lle serviu para alzarse co galardón ó mellor filme no IV festival Primavera do Cine e en Cans así coma o premio á mellor dirección no festival Curtocircuíto.
Dous anos despois Álvaro Gago púxose ó mando da curta Bombolles durante un taller de creación impartido por Abbas Kiarostami en Barcelona e que gañou o premio do público no festival Fenêtre sur l’Europe.
En 2017 chega Matria e con ela o gran premio do xurado no 2018 Sundance Film Festival, converténdose así no primeiro español que consigue este galardón. A cinta tamén logrou a distinción á mellor curtametraxe española na Seminci e mellor película e mellor actriz tanto en Alcine como no festival de Aguilar del Campoo.
Actualmente Gago está inmerso na edición de Trote, a primeira longametraxe de Xacio Baño, e no desenvolvemento do guión dunha curtametraxe de ficción titulada provisionalmente Vigo, 18 de decembro, ó mesmo tempo que traballa na súa primeira longametraxe.