O xurado do Festival Primavera do Cine de Vigo, conformado pola cineasta Aldara Pagán, o profesor e escritor Álex Mene, e a tradutora e profesora Sofia Henrique decidiu outorgar o premio á mellor longametraxe a «Amor Fati», da portuguesa Cláudia Varejão. O galardón premia a «poesía que destila en cada unha das súas imaxes. Unha película que nos ensina a experimentar o amor sen adxectivalo, alén das convencións que limitan a liberdade de gozalo con independencia de como ese amor se materializa”. O premio do público, o máis importante galardón deste festival, recaeu tamén neste calidoscopio audiovisual sobre a excepcionalidade da vida cotiá e a cotidianidade dos momentos excepcionais.
A clausura do festival tivo lugar este domingo día 18 e contou coa presenza de varios dos premiados, así como da deputada e concelleira Ana María Mejías, e a responsable do Instituto Camões de Vigo Célia Mendes. A dramaturga Lola Correa conduxo unha clausura amenizada polos temas dos irmáns Cunha que incluíu tamén a entrega da Mención Honorífica ao Cineclube Lumière, que foi recollida por un dos seus fundadores, Fran Estévez Álvarez, e a súa actual directora, Meli López.
O premio do público á mellor curtametraxe galega recaíu en «Sauerdogs», unha aplaudida curtametraxe dirixida polo vigués Guillermo de Oliveira que conserva todo o romanticismo do western máis clásico.
A última encomenda do xurado foi outorgar o premio CREA á mellor dirección, que foi para o cineasta vigués David Varela polo seu traballo en «Un cielo impasible». Aldara Pagán xustificou a decisión remitindo á súa capacidade para construír un diálogo interxeracional de gran interese sobre un tema fundamental como é o da Guerra Civil Española.
O cineasta vigués Fon Cortizo fixo entrega do premio do público ao mellor videoclip, galardón co que foi distinguido «Ceras Rosas», peza dirixida por Silvia Coca para o segundo álbum de Dani.
Por último, as nenas Xoana Silva e Noa Lago, xunto ao neno Breixo Silva, subiron ao escenario do Auditorio do Concello para outorgar o premio á mellor curtametraxe infantil a «Napo», unha conmovedora peza de animación realizada polo brasileiro Gustavo Ribeiro que trata a relación entre un avó e un neto a través das fotografías que axudan a desenvolver a imaxinación do pequeno e reconstruír a memoria do avó.