Vou deixar que isto flúa, porque como din eles “as cousas créanse de forma bonita e inconsciente”.
Co novo disco de Rebeliom do Inframundo, ‘Amor ou Barbarie’, preséntase, quizais, a oportunidade de comezar a darlle un espazo a artistas galegos que non sempre teñen o recoñecemento e cobertura que merecen.
Escoito o disco antes de que saia, antes de falar co grupo e que me conten as súas inquedanzas, motivacións e inspiracións para compor este longa duración de 17 temas. “E podían ser máis, porque ‘Luminarias’ e outros temas quedaron fóra”, detállanme nunha entrevista feita na súa garaxe-local de ensaio. E, aínda que tento pensar en todas as sensación e cavilacións que me pasaban pola cabeza antes de falar cos cinco compoñentes (Nervo, Malvares de Moscoso, Frank, Movementss e Pol), non as lembro, porque o disco agora chega doutro xeito.
‘Amor ou Barbarie’ comeza cun tema homónimo no que, de primeiras, non soa unha voz masculina, pero si a de “un membro máis de Rebeliom”, que é Iria Medraño, unha constante dos traballos que levan feito ata o de agora. Guitarras fortes e lonxe do que se podería agardar dun grupo clásico de rap, pero é que eles teñen contadas cousas de clásico. “En cada disco queremos superarnos a nós mesmos, unha autoesixencia que chega a ser algo enfermiza”, comentan Nervo e Frank.
Unha intro que xa da a ver que o disco vai ser ‘hardcore’ e diferente e “non un Ilegal 2.0 que sería o fácil”. É o primeiro tema que se pode escoitar, pero o último en ser gravado. “Sempre o facemos así, cando temos todo o paquete envolto, hai que porlle o lazo e iso é este tema”.
Continúa o disco con ‘Esparta’, que vai levando ao ouvinte a un vórtice de enerxía frenética e, aparentemente, sen freo. O tema vai acompañado, como máis da metade do disco, dunha peza audiovisual de gran calidade. “Quixemos darlle máis importancia aos clips e así mesturar as dúas artes, música e audiovisual”.
Este videoclip presenta unha nova estética audiovisual de Rebeliom xa que non é Galunk, a súa produtora, ou Sergio Steel Cora, outro habitual, quen se encarga da dirección e produción.”Ao igual que coas bases do disco, quixemos ampliar horizontes e probar outras cousas”, destaca Nervo. Omar Romero é o director de este traballo e do seguinte que presentarán en breves, “pero non che imos dicir cal”, mófase.
Ademais dunhas letras cargadas de crítica política, no clip fan unha homenaxe “a todos os da crew e familia da Rebeliom xa que moitos practican artes marciais”, destaca Malvares.
Séguelle, ‘Sangue’, a primeira canción que gravaron no seu estudio despois da corentena. “Estabamos con moita autopresión, pero unha vez sacado adiante este tema, fíxonos clic a cabeza e sentímonos liberados”, conta Nervo. Tamén vén con peza audiovisual a cargo de Galunk e de protagonista ao actor Jacobo Lomba. O seu traballo interpretativo “é a hostia, púxonos os pelos de punta ver como interpreta o final do clip”. Unha vez desprendido desa sangue no mar podemos ver como sorrí aliviado, pero é que “A vida nom é YE YE /Sube e baixa o YO-YO/Ledo ou triste porque assim funciona o rollo” e ese matiz pódese apreciar no último medio segundo de primeiro plano na expresión negativa de Lomba.
‘Loitando cos demos’ é dos primeiros temas que vemos a Nervo máis como cantante que como rapeiro. “E como o tipo ten uns ‘huevos’ tremendos, a quen vai escoller para voz feminina? A ‘fucking’ ama da zona”, apunta Frank. A moañesa Wöyza completa este dúo cheo de química que “xamais pensei que as súas voces pegasen tan ben”, comenta Pol.
O videoclip está cargado de emoción e uns compases finais que non era un engadido para os últimos planos como pensaba, senón “un momento para que reflexiones sobre o que acabas de escoitar”, sinala Frank.
Chega ‘Baila’, o primeiro tema escrito durante a corentena. “Estaba realmente afundido e quixen facer un ‘beat’ de alegría absoluta e, cando llo pasei a Nervo, non tardou nada en facer a letra”, comenta Frank. Pese a isto, durante a gravación xurdiu a introdución ao tema da man de Malvares. “Eu son de escribir na miña casa, con tempo, pero Nervo pediumo alí mesmo e o que se me ocorreu foi facer un xogo coas cancións que a min me inspiran a bailar: ‘Cosmic girl’ e ‘Supersonic’ de Jamiroquai, ‘Blood on the dance floor’ de Michael Jackson, ‘Rivers of Babylon’ de Boney M. e ‘Purple rain’ de Price”.
En canto a peza audiovisual, a cargo de Sergio Steel Cora, “tiñamos claro que queríamos que fose unha festa nun garito con moita xente e así foi”.
E cando unha pensa que isto só pode ir cara arriba, chega ‘Ti’. Esta canción vén inspirada de ‘Crisantemos’ do grupo vigués Aphonic. “Levo moitos anos e estou moi feliz coa miña parella, pero apetecíame escribir unha canción que a min me gustaría escoitar se estivera nun momento así de crucial, xa sexa por unha parella ou noutro momento”, sinala Nervo. A peza audiovisual acompaña a intención da música, con un contraste de escenarios que busca transmitir esa sensación dunha ruptura de “te quero, pero non te quero”.
Non chegamos nin a metade do disco, e xa se pode atopar outra cor que racha coa sonoridade de ‘Amor ou Barbarie’. ‘Ninguén ten este flow’ é un tema no que o propio produtor do disco, Frank, presenta, xunto á o responsable dos efectos, Movements, a súa “película mental”, con ritmos máis sensoriais baseados en “Samurais, Tarrence Malick, movidas de sedución que tamén me molan”.
E coma se estiveramos nun circuíto de termas, toca facer contraste con ‘Copérnico’, canción que auguro moitos escoitaremos ao longo do ano e chimparemos con ela. A súa base de reggaeton non convenceu ao principio a todo o grupo, pero “e que sería moi sinxelo facelo con guitarras ou con unha base de ‘boom clap’, pero queríamos probar cousas novas. Este tema é pura lija con base de reggaeton e uns scratchs da hostia e iso é o que mola”, explica Nervo.
O videoclip, gravado no Observatorio Astronómico de Forcarei, ente outros sitos, non deixa monicreque sen cabeza, a xogo coa música.
Por se esta base non fose suficiente sorpresa, sigue o novo disco da Rebeliom con ‘Bachata da morte’. Unha bachata con aire galego e a dúo con Iria Medraño que reflexiona sobre a figura da morte. “Fala de estar agradecidos a ela por deixarnos seguir vivos”. O traballo audiovisual deste tema foi sacado o propio día de San Valentín, “o cal non foi a nosa intención” e mesmo algúns se sorprendían ao decatarse da coincidencia cando lles preguntaba por este feito.
‘Vendetta’ foi o primeiro adianto do disco, aínda que o público non o soubera. A finais de 2020 presentaban esta canción cun videoclip cheo de enerxía e loucura. “Foi moi divertido gravalo porque iamos correndo polas rúas de Teis e Coia coas máscaras. Mesmo en momentos nos que estamos facendo lume co spray e os meus veciños pasando ao carón”, mófase Nervo.
‘Nada é para sempre’ é un dos temas favorito do grupo. “A miña parella foi quen me inspirou para facer esta letra cando, nunha conversa, me dixo esta frase e me creou unha hostia mental facéndome darme de conta que nin miña filla, nen meus colegas ou mesmo meu can non son infinitos”.
En ‘Hefesto e Perséfone’ descubrimos a “película mental” de Malvares de Moscoso. Un tema que versa sobre a “morte de meu pai e os dous encontros que case eu mesmo teño con esta, especialmente o último, nos lumes do ano pasado no Courel”, explica o bombeiro forestal.
Quedan poucos temas e escóitase ‘Blaquinazo’ en colaboración con Hard GZ. “Eu levei a Pedro ao seu primeiro concerto e, por cousas da vida, non puidemos facer un tema xuntos antes”. No seu videoclip recrear o ‘making of’ do tema: “Quedamos un día para facer unha churrascada, levamos todo o equipo preciso, e entre carne, birras e festa foi saíndo a letra e a base”, conta Nervo.
‘Días no calendario’ xurde na cociña de Nervo. “Estaba escoitando ‘The truth’ de Nas e comeceime a divertir, realmente non quería facer isto pero, coma moitas cousas na Rebeliom, o bonito sae sen darlle demasiadas voltas”.
Na recta final do disco atopamos o tema máis cru, ‘Drogas’. “Todo o que di a letra, absolutamente todo, é certo, ten cero adornos”, sentenza.
A este séguelle ‘Volcans’, “unha historia de amor de verdade, non das empalagosas e idílicas, senón desas nas que podemos discutir e berrarnos, pero amámonos tantos que daríamos o que fose o un polo outro”.
E remata o disco con outra colaboración ‘hardcore’ xunto a Treintañeras Cañeras. ‘Non se vende’ é unha critica á “hipocrisía de todos eses grupos que adoutrinan sobre o escenario e non predican co exemplo”. Hai frases neste tema que corresponde a outra xente tamén familia de Rebeliom. “Confeti, falsos pogos/cacahuete pa’ los monos” ven da voz do pai de Frank. “El díxomo estando nun concerto dun festival e non ma puiden sacar da cabeza”, relata Nervo.
‘Amor ou barbarie’ está para quedarse porque “ou nos deixades amar, ou imos destrozalo todo”. E así é Rebeliom do Inframundo, un grupo ‘hardcore’ cunha sensibilidade a xogo.
Ao final, eles fan música pensando en que “isto vai quedar para toda a vida, isto non é comida rápida é un caldo guapo”, sentenzan dende o grupo.