Este venres o Centro Social do Mar de Bueu acollerá a proxección de Angélica (unha traxedia), filme que se pode ver no marco de Cinemas de Galicia, un programa de colaboración entre o Concello de Bueu e a Axencia Galega de Industriais Culturais (AGADIC), e que está sendo xestionado polo Cineclub de Bueu.
Tras o éxito de público en Lobos sucios, a proxección deste venres, que será ás 21:00 horas, contará coa presenza de Fran Gayo e Analía G. Alonso, director e programador e produtora respectivamente do Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF), que na anterior edición supuxo a estrea en España deste documental no que se fai un retrato peculiar e intenso de Angélica Liddel, poeta, actriz e directora de teatro de vangarda. Estas dúas persoas serán as encargadas de debater co público asistente nun coloquio posterior ao visionado.
As outras proxeccións do ciclo "Cinemas de Galicia"
O seguinte venres, 6 de outubro, será a estrea de Toni Erdmann, o terceiro traballo asombrosamente singular da directora e guionista alemá Maren Ade, que traslada a magnífica observación humana dos seus anteriores filmes a un reino delicioso e inesperadamente cómico, que recolleu premios e louvanzas de toda a crítica europea e internacional.
As proxeccións continuarán despois cunha periodicidade quincenal e dende o Cinceclub xa confirmaron algunhas das personalidades que estarán nos coloquios posteriores, unha fórmula que está funcionando moi ben e que permite que o cine se dea a coñecer dende diferentes eidos. Coincidindo co visionado de Esquece Monelos, o 20 de outubro, asistirá algunha persoa da produción da cinta, ante a imposibilidade de asistencia da directora, Ángeles Huerta, que estará no Festival de Valladolid.
O 17 de novembro, coincidindo con Pozoamargo acudirán Felipe Lage, de Zeitum Films, coma produtor da cinta, quen xa estivera en Bueu presentando Mimosas, do seu irmán Oliver Laxe.
E para culminar, para Migas de pan, que se proxecta o 1 de decembro, asistirá un membro do equipo de rodaxe ou do reparto que está aínda por confirmar.