Antía Muíño, Néboa, Berto e Grande Amore, ao vivo na noite do sábado 26 de novembro na Culturgal

Publicidad

A noite do sábado 26 de novembro, Culturgal vai de festival. Catro propostas rebordantes de enerxía e talento, ao vivo no escenario do Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra para celebrar os 15 anos da Culturgal. Antía Muíño, Néboa, Berto e Grande Amore toman a Feira como un furacán pechando un ano que, sen dúbida, é o seu ano. Electrónica, pop e tradición; a diversidade da música galega de hoxe nunha sesión única e singular. As entradas para #CulturgalSon15 (20:00) teñen un prezo de 8 euros que inclúe, ademais do concerto, o acceso á Feira. O mesmo prezo do espectáculo dobre de danza que sube á escena o día anterior na Feira (21:00): “Credo” de Nova Galega de Danza e “A raíz” de con Daniel Rodríguez. A 15ª Culturgal celébrase en Pontevedra do 24 ao 27 de novembro.

#CulturgalSon15 é unha proposta de AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais) para esta edición especial da Culturgal, que recolle boa parte do novo talento musical do país. Co seu proxecto en solitario Antía Muíño está a converterse nun fenómeno; o seu tema “Carta aberta” ten mais de 900.000 reproducións contabilizadas en Spotify. Compostelá residente en Donosti, a artista forma parte dalgúns proxectos de jazz como o trío Arnela e xa pasou por festivais tan prestixiosos como o Jazzaldia. A súa formación como guitarrista clásica e a súa proximidade ao jazz vocal, á música tradicional e ás cancións populares, fan da súa proposta unha das grandes sorpresas do ano, que mereceu o Premio Martín Códax da Música 2022 como Artista Emerxente.

Tamén a banda Néboa triunfou este ano nos Martín Códax co galardón na categoría Pop e Indie coa súa proposta baseada no coñecemento da música alternativa e a sensibilidade pola instrumentación da música tradicional. En 2020, co seu primeiro LP, “A realidade enganosa”, producido por Hevi e Lucas de Centi, acadan o galardón ao mellor álbum en galego nos Premios MIN 2021. En 2022 están a xirar por diferentes cidades do Estado presentando o EP “Fósforo”, no que repiten produtores, e no que contan coas colaboracións da cantante portuguesa Sús e de Antía Ameixeiras.

O proxecto Berto nace en decembro de 2021 da man de Alberto Mira, músico e compositor pontevedrés, que xa alterara o panorama musical galego co grupo Verto. En marzo de 2022 Berto publica “Bailar Chikito”, un EP en colaboración coa cantante Marinha, onde explora una mestura entre o pop, a música electrónica, o trap e o techno. Chega a Culturgal tras presentar o tema “Bágoas de cocodrilo”, un avance do que será o seu novo disco.

O peche do concerto #CulturgalSon15 virá da man de Grande Amore, un proxecto tan exitoso como sorprendente, cargado de personalidade e galardoado nos Martín Códax deste ano na categoría de Electrónica.. Grande Amore soa macarra e tenro, rabiosamente humorístico e, ao mesmo tempo, vulnerable na súa desesperación existencial, algo que plasma con mestría no seu primeiro tema, “Esta pena que a veces teño”.

Culturgal danza no seu décimo quinto aniversario

Faino o venres 25 de novembro cun espectáculo dobre que pon ao límite a linguaxe corporal. Nova Galega de Danza, compañía de referencia na danza galega do século vinte e un, trae á Feira “Credo”, peza na que bota man da poesía de Celso Emilio Ferreiro para acompañar o camiño vital do ser humano. Ademais, o porriñés Daniel Rodríguez presenta na Culturgal “A raiz de”, proxecto premiado en SóLODOS En Danza Ourense 2022.

“Credo” de Nova Galega de Danza + “A raiz” de Daniel Rodríguez. Unha sesión dobre de danza. Por unha banda, A raiz de Daniel Rodríguez, traballa desde a música, a palabra e danza tradicional galega para construir un Eu contemporáneo. O porriñés acadou con esta obra o 1º premio en SóLODOS En Danza Ourense 2022 con xira en Costa Rica no 2023.

Nova Galega de Danza, baixo a dirección de Jaime Pablo Díaz, trae a Culturgal “Credo”, unha peza de danza itinerante concebida como unha viaxe interior que toma a poética de Celso Emilio Ferreiro como referente artístico e conceptual, e que quere representar o camiño vital do Ser humano a través do movemento, a exploración e o cuestionamiento de sí mesmo e da realidade. O corpo de danza, constituido por seis bailaríns, desenvolve un traballo físico de alta intensidade que indaga nos límites da linguaxe corporal e o seu vínculo co espazo habitado. O cruce de camiños é o escenario simbólico que representa a toma de decisións do ser humano no seu avance permanente cara ó descoñecido. A música orixinal, a cargo de Sergio Moure e a voz de Alba Moura, recolle, a través dunha formulación sinfónica, os sons dunha Galicia intemporal. Bailaríns: Ines Vieites, Estefanía Gómez, Uxía Rivas, Pablo Sánchez Ricardo Fernández & Amara Pérez. Duración espectáculo: 45 minutos

A organización da Culturgal corre a cargo da asociación do mesmo nome integrada por Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi). A Feira está patrocinada pola AGADIC-Xunta de Galicia, o Concello de Pontevedra e a Deputación de Pontevedra, e conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

Salir de la versión móvil