A décimo segunda edición de Culturgal contará cun convidado que até o momento só asomara o nariz en anos anteriores. O sector do videoxogo é unha das presenzas novidosas desta Culturgal, que se desenvolve do 29 de novembro ao 1 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Amais de diferentes charlas e coloquios, instalaranse stands, demos e presentacións de videoxogos dirixidas a todos os públicos.
O público de Culturgal atopará un espazo de cultura interactiva con DEMOS, presentación de proxectos, equipos de desenvolvemento e un convite a participar e probar produtos feitos en Galicia. A presenza da Universidade da Coruña neste espazo trae á Feira unha referencia no sector, cos seus especialistas e proxectos; ademais as empresas Gato Studio, Mundos Digitales, Polygon-e, Revista Morcego (un medio especializado desde Galicia), KST e Imaxin Software mostran o seu traballo ao gran público durante os tres días da Culturgal 2019. “Non hai límites, non hai idades. O videoxogo xa non é o campo duns poucos, xóvenes, exclusivamente; democratizouse e na actualidade, nas diferentes plataformas, é consumido por todas as idades”, reseñan dende a asociación do videoxogo.
Así, na tarde do venres 29 comezará a I Xornada do Videoxogo, apoiada pola Xunta de Galicia co obxectivo de “cimentar un espazo común no que atoparse entre si no sector e atoparse co público”. O foro estará aberto a todas as persoas interesadas. Arrancará ás 17:30 horas no Salón de Actos do Pazo da Cultura coa presentación a cargo de Jacobo Sutil (director da Agadic) e Manuel Meijide (vicepresidente Videoxogo.gal). Tras eles, unha mesa redonda tratará a situación do “”videoxogo galego ás portas do 2020” con Miguel Areán (ePolygon), María Fernández Hermida (Desenvolvedora) Antonio Seoane (Docente da UDC), Anxo Lorenzo (director xeral Políticas Culturais, Xunta de Galicia) e Luz Castro (Videoxogo.gal), como moderadora.
Ás 19:00 horas será o momento para presentar proxectos singulares no escenario do videoxogo galego: The Waylanders, Minimundos , Sea Bubble, Proxectos da Universidade (Odal), Revista Morcego / Podcast e MUVI.
Na 12ª Culturgal, a programación inclúe ademais o sábado 30 e o domingo 1 obradoiros de robótica dirixidos a público infantil e promovidos pola Deputación da Coruña. A empresa WavefunctionVR, radicada en Braga (Portugal) e centrada na realidade aumentada, con stand en 2019 na Culturgal. O público da Feira poderá gozar dos seus simuladores de realidade virtual. No Espazo Arte Contemporánea atoparémonos co stand de XOIA, unha empresa dedicada tamén á RV e RA, especialmente para proxectos expositivos e artísticos.