A ilustradora Nadia Menotti e o director de Kalandraka, Xosé Ballesteros, recibiron en Madrid o Premio da 33ª Mostra do Libro Infantil e Xuvenil que se concedeu por primeira vez este ano entre as 200 obras que compoñen o catálogo desta exposición, que se celebra no marco do 41º Salón do Libro Infantil e Xuvenil.
Con libros como 'As pescadoras', Kalandraka “mantén a súa aposta pola multiculturalidade, a educación en igualdade, a tolerancia e a estimulación da imaxinación e a curiosidade”, sinalou o xurado do certame, formado pola autora Margarita del Mazo, o editor Diego Moreno, a mestra Sara Moreno, o autor e ilustrador Raúl Nieto Guridi, o libreiro Rodrigo Rivero e o xefe da Unidade do Libro e da Lectura da Comunidade de Madrid, Pedro Valverde. Tamén destacaron a traxectoria da editorial -que cumprirá 20 anos en 2018- e a súa liña editorial “definida pola animación á lectura e o apoio aos creadores”.
Na entrega do premio, Xosé Ballesteros reflexionou sobre a importancia da diversidade cultural e lingüística a propósito da recente participación de Kalandraka na Feira Internacional do Libro de Guadalaxara (México), en Culturgal e na Feira do Libro Vasco celebrada en Durango: “Reivindicamos que as linguas estean vivas”, sinalou a propósito do galego, “que está en perigo de extinción”. Tras explicar que Kalandraka publica en sete idiomas, defendeu a función das linguas como “instrumentos de comunicación e de afecto”, e pediu que se sigan “respectando” por ser “a riqueza máis natural das persoas”.
Á inauguración do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Madrid asistiron tamén o escritor e o ilustrador galegos Antonio García Teijeiro -Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2017- e Xan López Domínguez, que participaron nun encontro literario con público escolar, ademais da autora Ledicia Costas, que recollía o Premio Lazarillo.
Libróptero
O Premio da Mostra do Libro Infantil e Xuvenil ten carácter simbólico. Creado por Guridi, trátase dunha figura que representa a capacidade da lectura para facer voar a imaxinación. Non é o único recoñecemento outorgado a esta obra: As pescadoras xa recibira a mención do xurado do VII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado 2014.
Esta adaptación dun conto tradicional da India destaca pola súa fermosa e delicada proposta plástica, a base de minuciosas escenografías con pequenas figuras elaboradas en madeira, cartón, aramio e tea. As pescadoras -que cuestiona a idea do relativo e do subxectivo ante determinadas convencións- formará parte da Mostra do Libro Infantil e Xuvenil, que percorrerá as bibliotecas e centros de lectura de toda a Comunidade de Madrid. Na selección das 200 obras incluídas nesta exposición itinerante participaron 16 bibliotecarias e bibliotecarios expertos en literatura infantil.