Así é a impactante exposición que pon aos alcaldes do Morrazo no paredón de fusilamento

Publicidad

Fernández Lores agochado nun tobo, a presidenta provincial Carmela Silva nun hospital, e as persoas representantes das alcaldías do Morrazo nun paredón de fusilamento semellante a onde asasinaron os titulares deses concellos no 36. Esas imaxes da exposición ‘E se fose hoxe?’ organizada polo departamento de Memoria Histórica da Deputación ficarán na rúa ata o 22 deste mes, e xa durante a montaxe da mostra durante a mañá de hoxe eran moitas as persoas que paraban a ver o contido e o significado, sorprendidas e curiosas, entre grande expectación.

A mostra en Pontevedra é unha iniciativa coa que a Deputación pretende lembrar as vítimas do franquismo e denunciar as consecuencias que tería "reeditar o ideario dos seus asasinos".  Nesta campaña –que ademais está a ter difusión noutros formatos físicos e tamén nas redes sociais- colocáronse a persoas actuais, ben coñecidas, nas situacións vividas tras o golpe de estado de 1936 por quen as precedeu no cargo ou na profesión, para homenaxear así a xeración arrebatada e chamar a atención do que suporía unha nova oleada fascista.

Ademais de Lores e Silva, a exposición conta con fotos do alcalde Bueu, Félix Juncal (BNG), a rexedora de Moaña, Leticia Santos (BNG), a alcaldesa de Cangas, Victoria Portas (ACE) e a alcaldesa de Marín, María Ramallo (PP). Tamén aparecen na campaña, amosando diferentes formas de represión, a propia deputada de Memoria María Ortega representando a Juana Otero, vilagarciá rapada e tatuada que sufriu a vexación sexista; o ilustrador Kiko Dasilva, que representa a Castelao e a fame e as penurias económicas que pasou no exilio; Cano Paz , libreiro da Libraría Paz, que representa a incautación de bens e en concreto ao seu avó, Ramiro Paz, a quen fusilaron e logo quitaron a imprenta á súa familia.

Súmanse a profesora do IES Sánchez Cantón Ánxos Rial, que personifica ás profesoras comprometidas que son expulsada das aulas, como Ernestina Otero; Luís Bará, deputado no Parlamento galego lembra a Bibiano Fernández Osorio-Tafall –tamén presidente da Deputación- que no momento do golpe era deputado e a súa historia reflicte tamén o exilio; e a fotógrafa Alba Díaz, que dá vida ao consignatario vilagarcián Dámaso Carrasco, como cara visible de todos os presos da illa de San Simón, que el mesmo fotografiou.

A deputada María Ortega subliñou na súa intervención que no 36 as persoas perderon a vida, os seus bens, ou a súa liberdade, en pago polo seu compromiso vital, ao igual que toda a sociedade, que padeceu as consecuencias da imposición “das ideas reaccionarias, que traerían consigo unha tremenda involución, unha perda global de dereitos, especialmente gravosa no caso das mulleres”.

Subliñou que "con ‘E se fose hoxe?’ quixemos facer unha campaña impactante, que non pasase desapercibida para ninguén. Unha campaña incómoda que nos faga pensar. Que nos impida manter unha postura equidistante”. Agradeceu a todas as persoas participantes e subliñou que con elas  “quixemos traer ao presente as vítimas de entón para humanizalas, para que a sociedade entenda que non eran distintas a nós, que non tiveran outros soños nin emprenderan loitas diferentes ás que nós levamos a cabo ou polas que, simplemente, devecemos”.

A importancia da xente moza

Facendo unha chamada sobre todo á xente moza, a deputada subliñou que “enchemos a rúa de memoria para achegármonos a todo ese público que non vén aos actos que programamos, convencidas como estamos de que convivimos con quen se empeña en destrozar o legado recibido, ou simplemente goza del como se fose innato e asume con pasividade a merma de dereitos como se fose irremediable”.

Tamén salientou Ortega que “estamos aquí empurradas polo esforzo titánico que levan décadas facendo as familias das vítimas, as asociacións da memoria e unha sociedade civil que berra, unha vez e outra, contra o vergoñento silencio que –salvo honrosas excepcións- mantiveron e manteñen as institucións democráticas en todo o referente á memoria histórica. Galiza segue sen unha lei de memoria nin políticas públicas. A dereita estatal ameaza con que será a primeira que derogue”, criticou.

A campaña ‘E se fose hoxe?’ xurdiu dunha idea orixinal da técnica do departamento de Memoria Histórica Montse Fajardo. As fotografías son obra de Alba Díaz, a escenografía de Amanda Seijas, o vídeo do ‘como se fixo’ é obra de Canal Rías Baixas, o deseño gráfico corresponde ao Servizo de Comunicación da Deputación e o desenvolvemento da campaña á área de Comunicación de Vicepresidencia.

A iniciativa non podería terse desenvolvido sen a colaboración de todas as persoas protagonistas das fotos, do alumnado do IES Sánchez Cantón, persoal de Saraiva, persoal da D. O. Rías Baixas, Carlos González (Adif), Aire Quinteiro, Uxía Senlle, Luísa Márquez, Carmen Abeledo, Lois Pérez, Eva Blanco, Carolina Neira e Tensi Gesteira.

Salir de la versión móvil