Matria, a ópera prima de Álvaro Gago, chegará en galego aos cinemas de toda España o vindeiro 24 de marzo. Tras o éxito da súa estrea mundial na Berlinale, o drama social que protagoniza María Vázquez competirá na Sección Oficial do Festival de Málaga, onde terá a súa presentación o sábado 11 de marzo.
O filme, producido por Daniel Froiz como coprodutor maioritario con Matriuska Producciones, xunto a María Zamora de Elastica Films, Stefan Schmitz de Avalon PC e Mireia Graell de Ringo Media, foi rodada en galego en distintas localizacións da provincia de Pontevedra. Avalon encargarase da distribución nacional, con estrea en cinemas o 24 de marzo, e New Europe Film Sales ocúpase das vendas internacionais. Conta co financiamento do ICAA (Ministerio de Cultura) e de Agadic (Xunta de Galicia), coa participación da Televisión de Galicia, de Movistar e de The Screen, e coa colaboración da Deputación de Pontevedra e mais do Concello de Pontevedra.
Matria conta a historia de Ramona, unha muller que vive nunha vila de Galicia sumida nun contexto laboral e persoal tenso e impredecible. Sempre sacrificándoo todo polo futuro da súa filla Estrella, verase empurrada a mirar cara a dentro e a pensar que, tal vez, haxa algo novo polo que vivir.
María Vázquez (O corpo aberto, Trote, Quen a ferro mata) interpreta a Ramona. Completan o reparto Soraya Luaces, Santi Prego, Eduardo R. Cunha ‘Tatán’, Susana Sampedro e Francisca Iglesias, protagonista da curtametraxe e da historia real na que se inspira o filme.
Trátase da primeira longa do cineasta arousán e parte da personaxe principal da curtametraxe homónima que levou a Álvaro Gago a recibir innumerables recoñecementos a nivel nacional e internacional, como o Gran Premio do Xurado no Festival de Sundance 2018 ou a selección como finalista ao Premio Goya á Mellor Curtametraxe de Ficción en 2019.
A longametraxe Matria formou parte de La Incubadora de ECAM e participou en diferentes laboratorios e programas de desenvolvemento internacionais como C EU Soon do Mia Market (onde obtivo un premio de difusión de Screen International), L'Alternativa Mentoring, Abycine Lanza, Cinemed - From Short to Long, MFI Script Lab 2 Film Workshop, TIFF Academy, Sevilla Co-Production Market, Berlinale Co-Production Market ou D'A Film Lab.