'Awaker' e 'Les pionniers de l'universe', gañadoras do Festival Infantil Pequefilmes

Publicidad

A curtametraxe checa ‘Awaker’, de Filip Diviak e a francesa de ‘Les Pionniers de l´Univers’ de Benjamin Bernon, Clémentine Courbin, Matthieu Guevel, Anthony Rege e Jérôme Vanbeneden foron as favoritas da cativada que asistiu esta fin de semana, na Cidade da Cultura de Galicia, ao Festival Pequefilmes, que rexistrou preto de 1.600 asistentes, superando as cifras da primeira edición do pasado ano.

O certame, no que tamén se realizaron obradoiros infantís de animación, proxectou máis dun cento de filmes en 23 sesións, pero á votación do público só se someteron as proxeccións das sesións ‘Miñocas’, dirixida a nenos e nenas de entre 4 e 8 anos, e ‘Fanecas’, a partir dos 9. Deste xeito, ‘Awaker’ foi a favorita no primeiro tramo de idade, mentres que a francesa ‘Les Pionniers de l’Univers’, recadou máis votos da segunda franxa. Cada unha delas recibiu 1.000 euros como premio.

A curta ‘Awaker’ (República Checa, 2017) xa contaba no seu palmarés con ser a ‘Mellor Animación en Thessaloniki Animation Festival’ e tamén en ‘Zaporizhzhia International Film festival’. Nesta fita, de sete minutos de duración, nárranse as peripecias dun vello que se ve na obriga de exercer de espertador nunha época na que aínda non chegaran os reloxos con alarma.

Pola súa banda, a curtametraxe favorita pola cativada de máis de 9 anos sitúa o seu relato (de 5 minutos de duración) na conquista espacial soviética da década dos anos 60 do pasado século. Nesta historia mergúllase aos espectadores no gran proxecto, de carácter segredo, no que traballan os protagonistas do filme, Macha e o seu amigo Vassily.

Na segunda edición de ‘Pequefilmes’ engadíuselle ás proxeccións ‘Miñocas’ e ‘Fanecas’, as da sesión ‘Vagalumes’, dirixida aos máis pequenos e pequenas da casa, de 0 a 3 anos de idade. No entanto, estas curtas non entraron no concurso do festival, que durante dous días permitiu ver traballos procedentes de 33 países, dos cinco continentes, premiadas en festivais deste xénero audiovisual máis importantes do mundo, como o Clermont-Ferrand, cuxas fitas exhibíronse nunha sesión específica e de balde.

Salir de la versión móvil