O BNG critica a desaparición do Imaxina Sons, despois de 14 edicións, e que o ano pasado fora rebautizado polo goberno municipal como Festival de Jazz de Vigo. A edición deste ano debera estar xa en marcha, pero a formación nacionalista sinala que o Concello non realizou ningunha xestión nin contactou co último director do festival, o guitarrista Felipe Villar, o que aboca á desaparición do emblemático festival que fixo de Vigo unha referencia internacional.
“O ano pasado o alcalde prometía que o Imaxina Sons, agora denominado Festival de Jazz de Vigo, íase converter nun evento de ámbito europeo. Hoxe sabemos que en realidade máis que un evento o que prometeu o alcalde de Vigo foi un silencio clamoroso, non sabemos se de talla europea ou talla mundial, coa desaparición dun festival de grande éxito e repercusión”, criticou o concelleiro Xabier Pérez Igrexas.
O edil do BNG reivindicou a importancia do Imaxina Sons lembrando que durante as súas catorce edicións “permitiu achegar o jazz nas súas diferentes expresións ao grande público”. Igrexas definiu o Imaxina Sons como un dos “emblemas da política cultural de Vigo” que o goberno municipal de Caballero e do PSOE leva moitos anos “afanándose en desmantelar nunha política de desertización cultural que deshumaniza a cidade”. “O Imaxina Sons era un festival que apostaba na innovación musical, na creación de tipo europeo, que apostaba no jazz de vangarda, no jazz experimental e que despregaba un importantísimo apoio tanto á creación jazzística viguesa como galega”, resumiu poñendo en valor o programa das súas edición con importantísimas actuacións de artistas de primeiro nivel e master class que contribuíron a mellorar a calidade da producións musical viguesa.
“Despois de catorce edicións e da promesa de facer do Imaxina Sons un evento europeo, vemos como a falla absoluta de política cultural, como a deliberada incapacidade na acción de goberno e a total falla de xestión deixa Vigo sen un dos seus festivais máis emblemáticos”, lamentou o portavoz nacionalista.
Igrexas alerta de que “a este paso imos camiño de nos converter nunha especie de tanatorio cultural con máis festivais e programas falecidos e desaparecidos dos que se manteñen en marcha”. Ademais, acrecentou a súa crítica contra o modelo cultural imposto dende o actual goberno municipal denunciando que “para alén das actuacións efémeras, de fogonazos con actuacións moi rimbombantes pero de moi pouco percorrido, a política cultural de Vigo é un absoluto deserto”.
O BNG vigués esixe unha mudanza para volver facer de Vigo unha capital referencial da cultura para a súa área, do conxunto de Galicia e o norte de Portugal e a nivel internacional. “A diferenza entre ter un goberno comprometido coa cultura, como foron os gobernos dos que participou o Bloque en Vigo, e esta política de desculturización é evidente, e insistimos en que non hai mellor maneira de humanizar de verdade a cidade de Vigo que achegando a cultura ás clases populares e levando as súas diferentes manifestacións artísticas aos barrios e parroquias como se facía con diferentes programas e festivais como o hoxe desaparecido Imaxina Sons”, concluíu o edil nacionalista.