Bueu celebra a súa particular festa do cine con “Cinemas de Galicia”

Publicidad

A actividade fílmica regresa novamente a Bueu, despois do parón de verán, dentro da programación de Cinemas de Galicia, que busca promocionar os filmes feitos en Galicia e Europa con prezos moi competitivos. Deste xeito, dende este venres e até o 1 de decembro, proxectaranse sete películas no Centro Social do Mar a un prezo de 3€.

1 - Lobos Sucios

O primeiro filme do ciclo será Lobos sucios, unha película ambientada nas minas galegas de wolframio que foron explotadas polos nazis durante a guerra, con inspiración en feitos, historias e personaxes reais. Seguindo coa ampliación da programación, o director do filme, Simón Casal, fará unha breve presentación e coloquio co público asistente.

Venres, 22 de setembro | 21:00 horas

2 - Angélica

A actividade continúa ao venres seguinte co documental ensaístico Angélica (unha traxedia), na que se fai un retrato peculiar e intenso de Angélica Liddell, poeta, actriz e directora de teatro de vangarda. Coincidindo con esta proxección, o Cineclub de Bueu xa confirmou a presenza de Fran Gallo e Analía Alonso, do Festival de Cine de Ourense.

Venres, 29 de setembro | 21:00 horas

3 – Toni Erdmann

O 6 de outubro será a quenda de Toni Erdmann, comedia alemá na que se reflexiona sobre a felicidade a través do cambio de actitude dunha muller alemá moi estresada que un día descobre a un divertido personaxe imaxinario, que reactivará o seu sorriso.

Venres, 6 de outubro | 21:00 horas

4 – Esquece Monelos

O documental de Ángeles Huerta fálanos dun río que vai por debaixo das rúas da Coruña e do que moitos esqueceron. Un río hoxe convertido en cloaca. Dende o Cineclub decidiron apostar por esta proposta dado que a esencia dos propios Cineclubs é coñecer a produción do país.

Venres, 20 de outubro | 21:00 horas

5 – Baixo a area

O 3 de novembro é quenda de Baixo a area, un filme bélico que nos leva á rendición de Alemaña en 1945. E as dúas últimas proxeccións son destacables por ser coproducións con Latinoamérica, novo referente do cinema de autor e de calidade.

Venres, 3 de novembro | 21:00 horas

6 - Pozoamargo

A mexicana Pozoamargo toma o título dun pobo castelán no que se reflicte o abismo vital no que se adentra Jesús, un home que está a piques de ser pai e que sofre una enfermidade venérea.

Venres, 17 de novembro | 21:00 horas

7 – Migas de pan

Para culminar este ano, o 1 de decembro proxectarase Migas de pan, drama inspirado no relato de Liliana Pereira, unha ex presa política da última ditadura de Uruguay. A moza foi encarcerada e torturada no ano 1975 polas súas ideas, e perdeu a custodia do seu fillo. Anos despois, en 1982, Liliana decide volver ao seu país para enfrontarse ao seu pasado. Alí terá que elixir entre o que lle pide ao seu corazón e o que lle dita a súa conciencia, e enfrontarase ao dilema de elixir entre a concordia co seu fillo e a denuncia colectiva que prepara un grupo de antigas compañeiras de presidio.

Vernes, 1 de decembro | 21:00 horas

Este proxecto é posible grazas á colaboración entre o Concello e o AGADIC, o que permitiu que xa entre abril e xuño, os espectadores/as gozasen de Mimosas, Cen anos de perdón, Os días afogados, Psiconautas, os nenos esquecidos e Siembra. E para ao ano que vén, os presentes xa salientaron que o programa continuará en marcha.

Salir de la versión móvil