A XIX edición do Festival de Cans, que terá lugar do 18 ao 21 de maio, vén de anunciar as curtas a concurso na sección Furacáns. Dedicada ás obras de non ficción que asumen maior risco narrativo, este apartado competitivo foi medrando nos últimos anos ata sumar nesta edición unha ducia de curtas, entre as que haberá oito estreas, seis delas estreas absolutas e outras dúas estreas en Galicia.
Ademais disto, o Festival de Cans volve apostar pola ollada feminina incrementando de xeito significativo a participación de mulleres cineastas, con dez das doce obras a concurso nesta sección asinadas por directoras. Isto supón máis dun 80% do total de cintas escollidas para competir e combinará a presenza de directoras máis experimentadas como Diana Toucedo, as irmáns Also Sisters ou Adriana Páramo, doutras emerxentes como Aldara Pagán, Andrea Beade e Quiela Nuc ou de prometedoras debutantes como Claudia Pineda, Lucía Alonso, Antía Encisa, Yasmina Farahni e Silvia Muíña.
A metade das curtas, estreas absolutas
Este ano, a metade das curtas que compoñen Furacáns son estreas absolutas. Entre elas, Noche de 2202 do cineasta de Portonovo David Outón ou Una sola nación, que Silvia Muíña rodou en Colombia e que ten como protagonista un rapeiro coas dúas pernas amputadas.
Nós-Outros, é o debut de Lucía Alonso, formada como cineasta no Brasil e Lisboa, que bebe do realismo máxico para tender unha ponte na fronteira galaico-portuguesa. Cans tamén estreará Anatomía dunha serea, de Adriana Páramo, que parte da idea da obra de teatro na que a actriz Iria Pinheiro denuncia a violencia obstétrica que sufriu no parto.
O dúo formado por Quiela Nuc e Andrea Beade, confróntanos coa beleza de antigos oficios artesanais ao servizo dun cruel espectáculo vixente ata fai ben pouco en A cinquito, con derecho a tocar. Millenial e transgresor, Somos, de Antía Encisa, fai un interesante paralelismo entre a apropiación de contidos na rede, e a multiplicidade de voces para falar da necesidade de definirnos.
Ademais, a sección acollerá a estrea en Galicia de Autorretrato, na que a ourensá Aldara Pagán, en colaboración con Adrián Canoura, fala sen disimulo da presión que senten os creadores para se manter na crista da onda.
Tamén se verá por primeira vez en Galicia Aura, na que as cineastas galegas afincadas en Utah Sonia e Miriam Albert-Sobrino, máis coñecidas como as Also Sisters, mesturan a poesía coa súa personal visión estética dun planeta maltratado na que á primeira curta de non ficción das xemelgas.
Por Furacáns pasará tamén o novo proxecto da realizadora galega residente en Barcelona Diana Toucedo, Tatuado nos ollos levamos o pouso, centrado nos corpos, xestos e palabras das mariscadoras á beira da Illa de San Simón que se estreará no D'A film festival de Barcelona.
El viaje, 1988, é o prometedor debut de Claudia Pineda no que as imaxes atopadas nun baúl pola autora e gravadas pola súa avoa na China, lle serven de reflexión para un interesante diálogo interxeneracional. Esta curta estivo presente na última edición do Short Film Corner do Festival de Cannes.
Tamén competirá en Furacáns a curta O que queda, de Alejandro Rodríguez, galego residente en Madrid que constrúe unha reflexión sobre os recordos a través da galería do seu móbil, e O imaxinario colectivo galego, de Yasmina Farahni Luaces, creadora formada na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, que amosa neste filme un sensible achegamento á nosa cultura.
A competición da categoría Furacáns terá lugar o sábado, 21 de maio, día grande do Festival de Cans. A organización puxo á venda 75 entradas para a sesión matinal e 150 máis para a sesión de tarde, a un prezo de 6 euros. Os 200 packs de lanzamento xa están esgotados e as entradas da categoría de ficción poderán adquirirse a partir da próxima semana.