Cans suma unha estrea mundial no seu primeiro FuraCans con curtas de non ficción

Publicidad

O Festival de Cans celebra por primeira vez na súa Sección Oficial unha competición de curtametraxes de non ficción, e faino cunha ampla variedade de pezas afastadas do convencionalismo. Entre os nove traballos que competirán nesta sección, bautizada como FuraCans, estará a estrea mundial de Marxes, de Sara Chuerches, un documental experimental centrado en comprender que sucede cando superar esa marxe que dende pequenos nos aseguran non se pode sobrepasar.

A selección, que terá dous pases o sábado 26 na Casa de Mari, é ben variada e recolle a riqueza de fórmulas presente no Festival habitualmente como La mujer invisible, curta de Noemí Chantada gañadora de tres premios en Curtocircuito, froito dunha longa e sensible investigación sobre mulleres en situación de prostitución; Salitre nas veas, de Adrián Canoura; Rapa das bestas, de Jaione Camborda; ou Charkpen (esperanza) de Paulino Cadórniga. Se esta última ten un espírito fotográfico no seu rexistro dos pobos indíxenas Selk’nam en Arxentina e Chile, as curtas de Canoura e Camborda empregan recursos experimentais para achegarse ao traballo dos mariñeiros e á citada rapa das bestas respectivamente.

Esta experimentación estética é común a pezas como Forest, de Guille Vázquez; ou Tiempo, de Alicia Alonso, que tamén se verá por primeira vez no Festival. Completan a selección dous filmes encadradas en proxectos ambiciosos dos seus autores: Americano, curta de Fon Cortizo sobre Emanuel Xavier, unha das voces máis representativas da escena Spoken Word de Nova York, que é parte do seu traballo prolongado arredor de poetas e o seu proceso creativo. Por último, Europa, de Hugo Amoedo, forma parte dunha “Triloxía Belga” deste cineasta galego que utiliza o formato do diario fílmico e que xa pasou por ZINEBI, ALCINE ou o OUFF.

Entradas xa disponibles

Dende o xoves 26 de abril as entradas para FuraCans están dispoñibles en tenda.festivaldecans.com a un prezo de 5 euros, e poderán retirarse durante o festival no posto de merchandising. Estas entradas darán acceso a un dos dous pases de Furacans, que terán lugar o sábado 26 de maio na Casa de Mari, ás 17:00 e ás 20:30 horas. O aforo é reducido, limitado só a 100 entradas.

Salir de la versión móvil