Este vindeiro luns 11 de maio a Deputación de Pontevedra lanzará o primeiro capítulo da novela interactiva “Caramomia”, a nova iniciativa cultural que promove a institución provincial e que busca implicar á mocidade na lectura a través da publicación nas redes sociais desta historia xuvenil de misterio. O proxecto será asinado a Oito Mans, con dúas autoras e dous autores galegos: Ledicia Costas, María Lado, Daniel Landesa e O Hematocrítico (pseudónimo de Miguel López). Como subliñou a presidenta Carmela Silva, “trátase dun proxecto innovador co que continuamos a nosa aposta absoluta polo mundo da cultura, un instrumento fundamental para construír unha sociedade avanzada e que as administracións públicas temos a obriga de apoiar”.
A presidenta provincial insistiu no seu firme e directo apoio ás escritoras e escritores galegos, apostando amais por “un novo modelo interactivo e dixital como instrumento de creación literaria“. Carmela Silva personalizou o seu recoñecemento ao sector cultural nos catro protagonistas da proposta e, máis polo miúdo, destacou a paridade como “outro valor” desta innovadora iniciativa, que reúne a dúas autoras e dous autores entre os máis “relevantes da creatividade na nosa comunidade”. Destacou así mesmo que Oito Mans, como se chama a iniciativa impulsada por Costas, Lado, Landesa e O Hematocrítico, “vai dirixido á mocidade e vai ter un escenario creativo moi do noso tempo, que sen dúbida van ser elementos novos que as creadoras e creadores tamén están utilizando para chegar ao maior número posible de persoas da cidadanía”.
Pola súa banda, os autores e autoras salientaron este compromiso da Deputación coa cultura e a creación literaria en particular, “sobre todo -como indicou Ledicia Costas- porque estamos a falar dun proxecto de literatura infantil e xuvenil que move a un importante número de nenas e nenos que neste momento tan particular que estamos pasando están confinados nas súas casas”. No que atinxe á novela, a escritora definiuna como “un xogo e unha aventura marabillosa” e valorou especialmente que o público vaia participar dunha forma tan directa no proxecto “porque é unha novela que se vai desenvolver sobre a marcha”. Explicou que na vindeira semana se publicarán os catro primeiros capítulos dos 24 da historia no perfil que xa hai creado en Instagram co nome “Caramomia”, cuxo deseño gráfico é de Landesa. E a partires dese momento, cando xa estean definidos os personaxes e a historia, “os lectores e lectoras van tomar decisións transcendentais que afectan á trama e á nós para ir artellándoa”. O poderán facer cun sistema de votacións que se lanzará ao final de cada capítulo, no que darán opcións para que decidan por que camiño vai avanzando a resolución do misterio. Si adiantou que a historia antiga “ten unha importancia moi relevante, de aí o título de Caramomia”.
Pola súa banda, María Lado e Miguel López explicaron que a idea xurdiu da propia situación de confinamento dos creadores nesta crise sanitaria, “onde nos vimos parados, porque todas aquelas axendas quedaron detidas”. Maduraron a iniciativa en “vídeovermús” e Lado recoñece que coa proposta, “conseguimos reinventarnos, porque todas as persoas da cultura tivemos que facelo, e estamos contentas de atopar este sitio”. Engadiu que a novela está dirixida á crianzas (a partir de dez anos), pero tamén á xente adulta. “Non só vos ides estar xogando senón que nós mesmas, como autoras, imos desfrutar do pracer de escribir sobre a marcha unha historia escrita entre os catro, co reto de traballar en equipo”.
Miguel López, pola súa banda, destacou a “flexibilidade” do proxecto e o uso das redes sociais para que a rapazada “poida ter nas súas casas acceso inmediato á historia e poidan meter as mans en profundidade na historia e influír nela. “Como todo está cambiando, nós temos tamén que cambiar e inventar cousas; a ver que sae”. “É complexo encaixar toda esta escrita en común -agregou Daniel Landesa- usando unicamente os medios telemáticos pero o proxecto é moi bonito”.
A presidenta Carmela Silva anunciou que unha vez rematado o proxecto en redes, a idea é que a institución provincial edite en formato papel esta obra. “Estes proxectos tan novidosos teñen que quedar para a posteridade”, apuntou.