Carlos Núñez e outras citas especiais do Culturgal 2018

Publicidad

O Culturgal é o punto de encontro da cultura galega. Son tres xornadas con máis de 100 actividades nas que a literatura, a música ou o sector audiovisual son protagonistas. Ademais da programación da Feira, os asistentes poden desfrutar de citas especiais. Un delas é o concerto que ofrecerá Carlos Núñez este sábado, ás 21:30 horas, no Pazo da Cultura de Pontevedra.

O músico vigués volve á cidade do Lérez case dez anos despois na xira de presentación do seu primeiro libro "A irmandade dos celtas". Este "tour" está baseada nesta publicación na que o artista conta a súa visión do celta como unha utopía milenaria que, dende hai séculos, creou un imaxinario universal que hoxe segue sendo unha inesgotable fonte de inspiración artística.

Carlos Núñez amosará os sorprendentes descubrimentos a través de novas músicas. O recital, que terá lugar ás 21:30 horas, está a punto esgotar todas as localidades, que están dispoñibles en Ticketea.

Espectáculo especial para os peques

O público familiar ten dúas citas importantes este domingo 2 de decembro. Unha delas será "OVIRAVAI, Paio e o Poder da Música", un espectáculo no que os seus protagonistas van descubrir o poder da música e da amizade. Os máis pequenos coñecerán a importancia de coidar o Planeta e tamén as criaturas que viven nel. O show será ás 12:00 horas no Pazo da Cultura de Pontevedra e a entrada ten un prezo de 5 euros sen contar gastos de xestión.

Na xornada da tarde será o momento de gozar do espectáculo de "A casa do terror", unha divertida e dinámica representación musical con cancións, danzas, elementos teatrais ou de clown e, sobre todo, con moita participación do público asistente.

Tras o éxito con "Estamos no verán!!!", Xoán Curiel e a Banda do Verán presentan no Pazo da Cultura de Pontevedra, ás 18:00 horas, este musical infantil e familiar moi rockeiro e terroríficamente divertido. O espectáculo ten unha duración aproximada de 70 minutos. A idade recomendada é de maiores de 4 anos. A entrada ten un prezo de 5 euros sen contar gastos de xestión.

As localidades para os dous espectáculos están dispoñibles na web de Ticketea.

Salir de la versión móvil