Cheo total no concerto de Nadal da orquestra Kv2211 de Vigo, dedicado a Aldeas Infantiles

Publicidad

A Orquestra Infantil e Xuvenil de Vigo, Kv2211, festexou este domingo o Nadal e o seu quinto aniversario no Auditorio do Concello de Vigo cun concerto que contou coa colaboración do Concello de Vigo, e que estivo dedicado a Aldeas Infantiles.

Co aforo completo, o concerto iniciou coa intervención de Abel Caballero, alcalde de Vigo, quen destacou o importante papel que xoga a música no desenvolvemento persoal. Nesta liña resaltou que un estudante de música “é un cidadán distinto, é unha persoa distinta, e por iso para nos é tan importante a música, e por iso sodes tan importantes”.

Nestes cinco anos de actividade da Orquestra Kv2211 pasaron polas súas filas 106 músicos, moitos deles tocando por primeira vez nunha orquestra, o que lles permitiu, ademais de ampliar a súa formación musical, descubrir a experiencia de tocar en conxunto. Celebráronse 27 concertos, principalmente nos centros culturais das parroquias de Vigo, un feito que destacou Amancio Fernández, representante da Asociación Kv2211.

A cita comezou coa actuación dos máis pequenos, membros da Orquestra Infantil, de entre 7 e 14 anos, cun repertorio de panxoliñas tradicionais. A continuación a Orquestra Xuvenil, que interpretou obras de Haendel, Mozart, Strauss e Tchaikovsky; e, por primeira vez tras a pandemia uníronse no escenario as dúas formacións coa Orquestra Kv2211 no seu conxunto. Ademais actuou o Coro creado para a ocasión e constituído por pais, nais, amigos e familiares de membros da Orquestra baixo a dirección de Jacobo García.

A Orquestra Kv2211 xurdiu no mes de outubro de 2017 pola vontade de crear unha orquestra de cordas baseada en tres pilares: educativo, cultural e social. Na actualidade, a Orquestra Kv2211 conta con 60 membros con idades comprendidas entre os 7 e os 22 anos, formados en instrumentos de corda, piano e percusión procedentes de Vigo, Tui, Porriño, Nigrán, Baiona, Gondomar, Santiago de Compostela, Mos e Ourense.

Ademais dos fins educativos e culturais, a Orquestra Kv2211 visibiliza nos seus concertos o traballo de entidades con fins sociais. Neste caso, o Concerto de Nadal deste ano estivo dedicado á asociación Aldeas Infantiles, cuxo obxectivo é facilitar un fogar a aqueles nenos que non poden vivir, por diferentes circunstancias, cos seus pais e nais.

A Orquestra Kv2211, de carácter formativo, ensaia os sábados pola mañá no Centro Cultural de Beade. Neste centro celebrará o Concerto de Aninovo o sábado 14 de xaneiro.

Salir de la versión móvil