O xurado encargado de avaliar as curtametraxes da Sección Internacional do FICBUEU 2020 mantivo esta mañá unha xuntanza virtual que conectou Romanía, Portugal e Catalunya. O autor da curta romanesa gañadora da anterior edición do certame e do premio á mellor curta europea en 2019, Bogdan Mureșanu, a cineasta lusa Leonor Noivo e mais a galardoada este ano co Goya á mellor dirección novel, a catalá Belén Funes, integran o tribunal que seleccionará as obras gañadoras da Ánfora de Ouro, da Ánfora de Prata e dos once premios técnicos do 13º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu.
Con experiencia nos eidos da literatura, a publicidade e o cinema, Bogdan Mureșanu acadou en 2008 o premio ao mellor guión de curtametraxe no Festival de Toronto. Tras dirixir varios traballos, en 2019 a aclamada Cadoul de Crăciun valeulle numerosos recoñecementos en destacadas citas como o Festival de Curtametraxes de Clermont-Ferrand ou os European Film Awards, amais do propio FICBUEU. Leonor Noivo conta cunha interesante traxectoria como directora, produtora e guionista, na que destaca seu traballo no filme A fábrica de nada, distinguido co premio da crítica do Festival de Cannes. Entre as súas longametraxes atopamos Setembro, Tudo o que imagino ou a máis recente Raposa. Belén Funes dirixiu diversas curtas entre as que sobresaen Sara a la fuga, premiada en Málaga, e La inútil estreada na Seminci de Valladolid, que tamén pasou polo FICBUEU en 2018. O ano pasado estreou en San Sebastián a súa primeira longa, La hija de un ladrón, que lle mereceu ademais un Goya.
O 13º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, que se celebra do 11 ao 19 de setembro, contará aínda con outros tres xurados máis para as diferentes seccións competitivas. A guionista e realizadora audiovisual Lidia Fraga, a responsable de vestiario María Fandiño, e mais o músico e compositor leridano Xavi Font compoñen o xurado nacional, que decidirá cales son as mellores curtas galega e española. O xurado experimental, que resolverá a gañadora desta categoría, está formado por dúas directoras e un director de Galicia que nos últimos tempos veñen soando con forza: Diana Toucedo, Xisela Franco e David Fidalgo Omil. Por último, o realizador Ángel Santos, a directora de fotografía Beatriz Pereira e a profesora Begoña Paz valorarán os traballos presentados por centros dos distintos niveis educativos.