As produtoras CTV (Galicia) e SPi (Portugal) iniciaron este luns, 17 de xaneiro, a rodaxe de “Motel Valkirias”, unha serie creada por Ghaleb Jaber Martínez e escrita con Patrícia Müller, dirixida por Álex Sampaio e Jorge Queiroga, e distribuída por Onza Distribution.
Cun tagline inquietante [Que estarías disposto a facer para conseguir máis dun millón de euros?], Motel Valkirias é unha dramedia feminina, con tintes de thriller, ambientada nun motel transfronteirizo entre Galicia e Portugal, que se desenvolverá ao longo de oito capítulos de cincuenta minutos de duración, gravada en galego e portugués. A serie, na que se mestura drama, suspense, emoción e humor, quere converterse na primeira produción deste xénero dunha recoñecida plataforma audiovisual, onde tamén se situará como a primeira serie en galego. CTV foi pioneira en dar o seu apoio ás linguas cooficiais creando a serie en galego “O sabor das margaridas”, emitida en Netflix, seguindo os parámetros actuais que se están a desenvolver na futura Ley General de Comunicación Audiovisual.
A sinopse da serie sinala que tres mulleres con problemas económicos e persoais crúzanse de forma fortuíta cun cliente do Motel Valkirias que transporta unha valiosa mercadoría. Así é como Lucía –unha nai separada que foxe de seu home–, Eva –unha actriz en declive– e Carolina –a propietaria do establecemento en bancarrota– se unen para roubar o botín. Pero o que non saben as tres mulleres é que a mercadoría pertence a unha perigosa banda que se dedica a branquear cartos.
Jaber Martínez subliña que se trata dunha historia de “empoderamento feminino e superación persoal” polo valor que amosan as tres protagonistas. “A fazaña destas mulleres, que son quen de rachar co pasado para conquistar o seu futuro, fai que nos sintamos inevitablemente atraídos por elas e identificados coas súas decisións. Ademais xogamos visualmente cun imaxinario colectivo moi recoñecible en calquera parte do mundo: as fronteiras. Todos estes son compoñentes que a converten nunha historia universal”, tal como agrega.
José Amaral destaca, pola súa parte, a proxección internacional dos actores lusos que van participar. “Este proxecto captou o noso interese dende o primeiro momento, porque se trata dun thriller con tintes dramáticos, que posúe unha narrativa abraiante para o espectador, materializándose a conexión entre os dous países nese espazo fronteirizo convertido no centro da acción”, segundo engade.
Ademais da fronteira ourensá co país luso, a serie transita por outros espazos das provincias de Ourense e A Coruña, como a cidade termal, Santiago de Compostela e os concellos de Vedra e de Teo. Ao outro lado da fronteira, Motel Valkirias viaxa ata Montalegre, lugar onde se sitúa o motel protagonista desta ficción, e ata outras localizacións de grande importancia para a trama. En definitiva, Motel Valkirias quere converterse nun símbolo de unión entre Galicia e Portugal e nunha mostra da súa paisaxe, da súa arquitectura e da súa cultura. A serie aposta por caras coñecidas a nivel nacional e internacional como as actrices e actores María Mera, Maria João Bastos, Marina Mota ou Chechu Salgado, entre outros. Nesta rodaxe, as produtoras manifestan o gran esforzo que se está a facer para garantir as medidas de seguridade precisas ante a situación sanitaria actual marcada pola pandemia da covid-19.
A serie foi presentada hoxe polo showrunner da serie e de CTV, Ghaleb Jaber Martínez; o managing director de SPI, José Amaral; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil; o director da área de Contidos de CRTVG, Fernando R. Ojea; o director de Contidos de RTP1, Jose Fragoso; e o director de CTV, Xosé Arias. A produción audiovisual realízase coa participación de Televisión de Galicia (TVG) e Radio e Televisión de Portugal (RTP) e conta co apoio da Xunta de Galicia, Deputación de Ourense, Xacobeo 21-22 e Câmara Municipal de Montalegre.