Curtas feitas na casa: os futuros cineastas da UVigo amosan a súa creatividade

Publicidad

Curtas protagonizadas por peluches e bonecos, nas que diferentes recunchos dos fogares se transforman nas localizacións das historias, ou pezas nas que os propios alumnos e alumnas non só se encargan do guión, a gravación e a montaxe, senón que se converten tamén nas e nos protagonistas. Estas son algunhas das propostas nas que traballa o alumnado do grao en Comunicación Audiovisual, que, no marco da formación práctica para a materia Tecnoloxía dos medios audiovisuais, está a realizar nestas semanas de confinamento unha serie de pequenas curtas desde as súas casas, valéndose dos recursos dispoñibles nos seus fogares. As curtas reúnense nunha canle de Yotutube, ao tempo que se difunden nestes días a través das redes sociais co cancelo #cortosnacasa.

A iniciativa, como explica o profesor responsable da materia, Paulino Pérez, xurdiu ante a imposibilidade, por mor da crise da COVID19, de continuar na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación coa formación practica habitual dunha materia na que o alumnado debe enfrontarse a traballos de gravación, son e edición. “Ao final, a idea era que practicasen dunha maneira entretida”, recoñece Pérez, que en primeiro termo propuxo ao alumnado que realizase un pequeno vídeo dunha receita de cociña, “para que practicasen movementos de cámara, planos, ángulos, montaxe...”. Despois de que esta primeira proposta “funcionase moi ben, xurdiu unha segunda; gravar unha pequena curta protagonizada por peluches ou bonecos. “A verdade é que fixeron cousas moi interesantes e dentro do seu mundo, que moitas veces reducíase á súa habitación, atoparon unha forma de contar historias ...”, salienta Pérez. Baixo o título de Cortos en cuarentena, reuníronse nesta actividade outros 30 vídeos e tras estes chegou unha terceira proposta, na que convidou ao alumnado “a falar con eles mesmos, a empregar unha técnica de clonación para que aparezan varias veces en pantalla”. Ao igual que nas anteriores, nesta terceira proposta, á que continúan sumándose traballos, optouse por realizar curtas de non máis de dous minutos, como explica Pérez, por tratarse de traballos que cada alumno ten que idear, gravar, nalgúns casos cos seus teléfonos móbiles, e editar de xeito individual.

Unha experiencia positiva

Aínda que obrigada polo confinamento, Pérez fai un balance positivo dunha iniciativa, na que, a diferencia dos traballos prácticos en grupo, cada estudante “ten que facer un pequeno guión, pensar e estruturar a gravación e logo montar as pezas”, á vez que ir solucionando “os pequenos problemas” que puidesen ir xurdindo. Nese mesmo senso, o vicedecano da facultade e responsable desta materia valora tamén o feito de que, a pesares de tratarse de traballos voluntarios, “preto do 75%” dos 42 alumnos e alumnas matriculados na materia achegase ás súas curtas á iniciativa.

“Axuda a espremer un pouco máis os pensamentos e a creatividade para que o resultado, dentro do que cabe, sexa bo”, salienta a alumna María Pol, que recoñece que a experiencia está a resultar “moi divertida” á vez que “axuda a despexar un pouco a mente”. No caso desta estudante, a proposta que máis lle gustou foi a de gravar unha receita, para a que, no seu caso, deixou de lado a cociña, coa idea de “facer algo diferente”, dando forma a unha “receita para facer unha película de Quentin Trantino”.

Salir de la versión móvil