O Festival de Cans, que se celebrará entre os próximos 23 e 26 de maio, contará nesta edición con varias presenzas internacionais a través da súa sección ExtraCans, que se redefine para ser un espazo no que se buscará a conexión de creadores e creadoras galegos con directores e directoras doutros países. Realizadores de Italia, Líbano, Portugal ou Brasil mostrarán as súas curtametraxes no festival, todas co nexo en común de que o traballo de profesionais galegos foi determinante para sacar os traballos adiante.
As curtametraxes que o público poderá ver serán Mon amour, mon ami, do italiano Adriano Valerio, que xa pasou por festivais coma o de Locarno ou Venecia e contou co vigués Diego Romero Suárez-Llanos na dirección de fotografía; Tshweesh da directora libanesa Fayrouz Serhal, producida pola produtora galega Zeitun Films e polo produtor Felipe Lage, tamén seleccionada no pasado festival de Locarno; Claudia, unha curta do portugués Miguel Pereira e con dirección de fotografía do compostelán Sergio Boado que proximamente comezará a súa andaina polo circuíto internacional de festivais; e El concepto de ironía, do realizador brasileiro residente en Budapest Márcio Souza-Haz, que rodou unha personalísima curtametraxe en Croacia arredor da convivencia de dous artistas galegos.
Esta sección, polo tanto, amosará obras dunha enorme calidade artística e fará visible o traballo de profesionais galegos que desenvolven o seu traballo en diversos ámbitos do audiovisual, pero que a priori non terían cabida no Festival por non adaptarse ás bases do concurso de curtametraxes.
Coñece as curtas que compoñen ExtraCans
Mon amour, mon ami | Adriano Valerio
Daniela e Fouad sufriron penurias e alcoholismo. Atopáronse por casualidade e naceu unha amizade profunda e curativa, que os levou a vivir xuntos. Agora que Fouad necesita un permiso para quedar, o matrimonio parece ser a solución máis fácil. Podes finxir e casarte con alguén que realmente te ama?
Nexo galego: O vigués Diego Romero Suárez-Llanos é posiblemente o director de fotografía máis internacional que ten o cinema galego. Ten rodado con directores de diversos países, tanto curtas como longametraxes, que teñen competido nos mellores festivais do mundo.
TSHWEESH | Fayrouz Serhal | Líbano, Alemaña, España
Primeiro día da Copa Mundial da FIFA. Ao interromperse a retransmisión do evento, os residentes en Beirut pronto se dan conta de que está en curso un ataque israelí, pero en lugar de fuxir e esconderse, apresúranse a chegar aos tellados, onde poden presenciar un evento en vivo moito máis grande.
Nexo galego: Felipe Lage a a súa produtora Zeitun Films lanzáronse á produción desta curta rodada no Líbano. Lage está avalado polo éxito internacional de filmes como Mimosas, dirixida polo seu irmán Oliver Laxe.
Claudia | Miguel Pereira | España
Vai calor. Claudia traballa na casa como webcamer erótica cando o seu móbil comeza a sonar. A cidade celebra o solsticio.
Nexo galego: Sergio Boado é un director de fotografía compostelán que traballa habitualmente en Barcelona. Nesta curta, xunto ao portugués Miguel Pereira, foi unha parte do núcleo orixinal da historia, que agarda entrar no circuito dos festivais internacionais de cinema.
El concepto de ironía | Márcio Souza-Haz | Croacia
Dous artistas galegos son convidados a compartir unha casa nunha illa de Croacia co reto de crear unha obra a catro mans. Os produtores do proxecto non o saben, pero os artistas ódianse.
Nexo galego: Márcio Souza-Haz é un poeta, realizador e performer brasileiro que residiu varios anos en Compostela. Alí coñeceu ós artistas galegos Jorge Varela e Misha Bies Golas, aos que convenceu para embarcarse nesta singular curtametraxe.
Xa se pode participar na Can Parade
A silueta do Can de Cans atópase en todas partes, é perfectamente recoñecible e está sempre preparada para que a interveñan artisticamente. Cada ano, un feixe de artistas de toda caste atrévese a darlle unha nova volta creativa á nosa icona a través da Can Parade, a cita anual do festival coa creación artística.
Dende hoxe mesmo, as persoas interesadas en formar parte da mostra deben remitir un correo electrónico a canparade@festivaldecans.com antes do 27 de abril, no que manifesten o seu desexo de participar e inclúan os seus datos persoais, a súa formación e un portfolio, imaxe, documento ou enlace web no que se poidan ver algúns dos seus traballos (web persoal, perfís ou páxinas en redes sociais: facebook, twitter, instagram, tumblr…) para poder ser avaliados á hora de realizar a escolla. Unha comisión de persoas da organización do Festival, coordinada por Alberto Alcalde, escollerá aos 10 creadores e creadoras finalistas. As pezas escollidas estarán esxpostas na Praza do Concello do Porriño o xoves 24 de maio e despois ubicaranse en diferentes localizacións de Cans durante os días do festival.
A través desta iniciativa, o Festival convida a artistas, deseñadores, creadores ou colectivos de calquera disciplina e de calquera punto de Galicia a decorar libremente a silueta do seu emblema oficial, o Can de Cans, sen ningún tipo de restricións técnicas nin materiais. Nas últimas edicións participaron artistas das máis diversas disciplinas, tales como fotógrafos, graffiteiros, creadores de artes plásticas ou debuxantes de banda deseñada, e das catro provincias galegas e de Portugal.