“Falando de Cans”, así soa a canción oficial do Festival de Cans

Publicidad

Alfonso Pato comentaba a Metropolitano.gal fai un ano que un dos seus soños era que Clint Eastwood estivese no festival que dirixe. Ese anhelo ten certas similitudes coa letra da canción oficial da nova edición do Festival de Cans. “Falando de Cans”, tema realizado polo músico e realizador Fernando Epelde, pon na parroquia porriñesa a diferentes lendas do sétimo arte, entre elas Martin Scorsese, un dos mellores directores da historia do cine.

A creación do artista ourensán, que cando toca perde a súa identidade e convértese en Chisme, regala ao Festival de Cans o tema “Falando de Cans”, unha canción orixinal coa que Fernando Epelde consolida o seu protagonismo nesta edición na que o Festival de Cans sopra 16 velas ao presentar tamén unha retrospectiva dos seus videoclips e, ademais, levar ao Invernadoiro de Mucha do Peso os temas do seu novo disco, “Medium” (2019). A súa mestura de electrónica e hip-hop soará, deste xeito, nun dos espazos máis celebrados polo público da pasada edición do festival.

O acto celebrado na tenda Nikis Galicia de Santiago de Compostela tamén permitiu coñecer o deseño da imaxe e da camiseta deste ano. A creación de Nikis Galicia xoga coa silueta do can e o debuxo dunha fouce que sostén a bola do mundo, que como comentou David Blanco, responsable da marca, sintetiza á perfección a idiosincrasia de Cans. Ao mesmo tempo, a imaxe deste ano tamén destaca a vontade de internacionalización do festival, que se remarca co lema “exportando agroglamour dende 2004”. Alfonso Pato afirmou que existe a idea de ir abrindo pouco a pouco unha fiestra para aumentar a presenza de máis realizadores doutros países tanto nas seccións de cine como no musical.

Outro elemento que xa coñecemos desta nova edición do Festival de Cans , que terá lugar do 22 ao 25 de maio, é que abrirá coa proxección da versión cinematográfica de “Eroski Paraíso”, dirixida por Jorge Coira e Xesús Ron. Despois de tres anos de xira, a obra teatral da compañía Chévere máis aclamada polo público transfórmase neste filme que se proxectará en Cans o vindeiro xoves 23 de maio. Alfonso Pato presentou este filme que abrirá o evento e que ten para Cans moitos significados pois “non é nada fácil estrear un filme e que a primicia de ‘Eroski Paraíso’ sexa en Cans con xente como Xesús Ron, Jorge Coira ou Chévere ten para nós moita emotividade”, afirmou.

A película xira arredor da desaparecida sala de festas O’Paraíso de Muros, lugar onde se coñeceran os pais da protagonista Álex, hoxe convertida nun supermercado. Miguel de Lira e Cristina Iglesias, dous dos protagonistas da película estiveron na presentación da imaxe gráfica do Festival de Cans. “A proxección da película será o broche final a este Paraíso”, comentou Miguel de Lira.

Por outra banda, os directores da película falaron sobre como foi o proceso de traballo: “transformar a obra teatral en película empregando só recursos escénicos foi un reto, foi difícil facer o cambio” dixo Ron, un dos directores de “Eroski Paraíso”. O resultado será un híbrido, explicou Jorge Coira, “o filme queda nun terreo intermedio entre o teatro e o cine puro”. Ambos afirmaron ter moias ganas de ver como reacciona o público.

Entradas para o Festival de Cans

A presidenta da Asociación Arela, Keka Losada, explicou que partir do martes 9 de abril estarán dispoñibles na tenda virtual do festival os primeiros 450 packs de entradas para as seccións de Ficción e Animación a concurso e camiseta, que inclúen tamén unha chapa exclusiva como agasallo e o programa de man.

Estes packs, que poderán recollerse nas tendas de Nikis Galicia e na tenda Tía Tata do Porriño, estarán á venda ata o domingo 28 de abril, e terán un prezo de 21,5 euros, o que supón un aforro de 5,5 sobre o prezo dos artigos por separado.

Salir de la versión móvil