Estes son os dez libros en galego que triunfan na Feira do Libro de Vigo

Publicidad

A Feira do Libro de Vigo celebra esta semana a súa XLIV edición como un dos eventos culturais máis emblemáticos da cidade olívica. Instalada este ano na Porta do Sol, a feira conta até o vindeiro sábado, 7 de xullo, con máis de 70 actividades relacionadas coa promoción da lectura e o mundo cultural.

Aínda que queda moita feira por diante, os libreiros destacan que este ano estase a comportar mellor en afluencia e vendas, cecais por un tempo de temperaturas moi suaves que invita ao paseo sen "expulsar" aos vigueses á praia.

Se aínda non te achegaches, ofrecémosche a continuación un decálogo dos libros máis vendidos en lingua galega nestes días de feira.

O xardineiro dos ingleses, Marcos Calveiro

Vilagarcía, principios do século XX. O destino dos mariñeiros ingleses e alemáns crúzase coas arelas de liberdade dunha moza que intenta ceibarse das estreitezas e ataduras da Galicia daquel tempo. Moitos anos despois, no Cemiterio dos Ingleses só queda unha tumba anónima, a número un. Alí agarda o misterio final, o dese sartego e o seu descoñecido ocupante. O enigma que arrodea a vida de Delia Cores e do seu fillo Edelmiro, o xardineiro dos ingleses. Cunha prosa áxil, protagonistas de carne e óso, e unha trama que zigzaguea entre os principais acontecementos históricos europeos, Marcos Calveiro consegue a súa obra máis lograda, de lectura apaixonante e chea de sucesos inesperados. Unha novela sobre a busca de liberdade. Sobre a xustiza e a capacidade para enfrontarse ao fado da historia.

Bibliópatas e fobólogos, Emma Pedreira

Neste libro de Emma Pedreira hai libros que falan de libros que conteñen libros que nos poden enfermar ou sandar ou sandar ou sacar o mellor de nós, que pode ser o peor. Un mollo de relatos, dende micros a máis longos, nos que a trama e o desenlace se adiviñan entre páxinas, entre lombos de volumes curiosos para xente así de curiosa: os biblíopatas e fobólogos. Libros polos que matar e polos que vivir.

Libros que dan a vida e a quitan. Personaxes nos lindes da razón que atopan na lectura, nas letras, nas semánticas máis estrañas, a súa razón de ser ou un motivo para mandar. Unha proposta literaria de Emma Pedreira, unha das autoras con máis proxección da literatura galega actual.

A noite do corvo, Abel Tomé

A familia Haggerty aparece brutalmente asasinada no interior da súa casa. Gonçalves á tenente da policía de Beth, unha urbe onde o luxo e o diñeiro do centro lle vira as costas aos barrios degradados da periferia. Será o encargado de sersolver o crime axudado por dous axentes novos: Pietre, un home solitario cunha obsesión enfermiza polo sexo, e Lúa, exemplar e inocente, obragada a coidar dun pai enfermo. Os tres enfrontaranse á hostilidade da Illa de Gothard, unha vila ancorada no medievo, cunha mitoloxía propia e un goberno todopoderoso representado polo chanceler Aindan Faol. O tenente Gonálves debaterase entre ambos os mundos procurando dar resposta ao crime da Casa do Faro sen deixar atrás un recordo que fai pendurar perigosamente do fío da súa existencia.

Todo canto fomos, Xosé Monteagudo

Unha mestra que loita contra a desigualdade e os prexuízos sociais nunhas circunstancias difíciles. Un escritor de novelas policiais, residentes en Londres, que descobre unha verdade sorprendente entre os papeis do legado da súa nai. Unha moza que persiste nun noivado secreto e prohibido. Un emigrante galego na Arxentina que non esquece a súa orixe mentres anda en procura do éxito económico. Un historiador que, arrastrado pola violencia dos acontecementos, lembra os momentos cruciais da súa vida. Estes son algúns dos personaxes que compoñen unha trama na que a normalidade é só a aparencia baixo a que se ocultan misterios inquietantes. Todo canto fomos é unha novela que percorre máis de un século de historia galega para devolvernos o relato dun pasado que segue alentando no presente.

Camiñar o Vigo Vello, Pedro Feijoo

De a cabalo entre os manuais de historia e as guías turísticas, este libro propón un xogo diferente. É certo que, como as guías, vén cos seus planos, mapas e mesmo percorridos propostos. E que, como os libros de historia, tamén conta cun amplo relatorio de anécdotas, memorias, imaxes de época e documentos –nalgúns casos inéditos a día de hoxe–. Pero en realidade este libro é outra cousa...É a carta dun namorado, o convite para saír a camiñar e redescubrir a cidade a través das rúas e prazas do seu barrio vello.

A proposta de coñecer Vigo da man dun paseo que, sobre todo, se fai sen présa, devagar, deixando que os nosos pasos se perdan polo mar de anécdotas e historias que conforman a memoria da cidade. Porque, á fin e ao cabo, esa é a verdade: nada máis hai que saber onde observar con atención para descubrir que entre as luces e sombras da cidade vella aínda permanecen visibles os vestixios das moitas vidas que amalgamaron o Vigo vello.

Eis a eterna vila mariñeira, si, pero tamén aqueloutra que os seus veciños defenderon a ferro e lume en máis dunha ocasión, e o Vigo industrial, e o metropolitano, e mais tamén o corsario.Esta é a proposta que se fai neste libro: saír a camiñar o Vigo vello, e coñecelo de primeira man, a través do seu paseo.

Fariña, Nacho Carretero

O libro de moda que un xuíz secuestrou cautelarmente despois da denuncia do exalcalde do Grove, José Alfredo Bea Gondar, que aparece no mesmo por supostos vinculos co narcotráfico, ten xa a súa versión en lingua galega.

Nunca Galicia comercializou un produto con tanto éxito. Aínda que agora semelle un pesadelo afastado, na década de 1990 o oitenta por cento da cocaína desembarcaba en Europa polas costas galegas. Ademais da súa privilexiada posición xeográfica, Galicia dispuña de todos os ingredientes necesarios para se converter nunha "nova Sicilia": atraso económico, unha centenaria tradición de contrabando e un clima de admiración e tolerancia cara a unha cultura delituosa herdada da época dos "inofensivos" e "benefactores" capos do tabaco. Os clans, poderosos e herméticos, medraron na impunidade afianzada grazas ao desleixo (e mesmo complicidade) da clase política e das forzas de seguridade.

A través de testemuños directos de capos, pilotos de planadoras, arrepentidos, xuíces, policías, xornalistas e nais de toxicómanos, Nacho Carretero retrata con detalle unha paisaxe criminal con frecuencia infravalorada. No imaxinario popular, ese costumismo "kitsch" de capos con zocos e reloxos de ouro ensombreceu o potencial destrutivo dun fenómeno que arrasou o tecido social, económico e político de Galicia. "Fariña" inclúe, ademais, un repaso inédito polos clans que seguen operando hoxe en día. Porque en contra da crenza mediática e popular, o narcotráfico segue vivo en Galicia. E non se debe esquecer o que aínda non rematou.

Sen Piedade, Pedro Feijoo

Podería contar moitas cousas daqueles dous días. Pero supoño que agora o único que importa é que Gordo era o meu mellor amigo, e que eu estaba fodido coma nunca. Porque ela xa non quería saber nada de min. E eu queríaa, maldita sexa, queríaa. Por riba das cidades, por riba das autoestradas, por riba do mar e das estrelas, eu estaba tolo por ela... Pero agora non parecía disposta a escoitarme. E Gordo comprendeuno. «Neno, o que ti necesitas é unha boa festa», dixera. E así foi como decidimos tomar prestado o coche do vello, un impresionante Dodge Charger do 68, e botarnos á estrada nunha viaxe feroz. A tumba aberta. Sen coidado nin precaución, sen tregua, sen límites. Sen piedade.

A nena do abrigo de astracán, Xabier P. Docampo

A vila de Ribadaínsua é narradora e protagonista dos acontecementos dramáticos dos últimos meses de 1947, que algúns quixeron agochar, para amosar aos seus habitantes como aniñara o mal entre eles e como os abranguera dunha forma asfixiante. Don Amancio, o crego que todo o controla; Agustina, a muller que pretende trazar o destino dos que a rodean; Isidoro, o alfaiate mártir; Engracia, Xaquina ou Paulina, mulleres afoutas que se queren donas da súa propia vida… son algúns dos personaxes centrais desta novela de vidas esquecidas. Mais no medio de todos eles, emerxe Susana, a nena que observa e sofre a realidade que lle irá abrindo os ollos nunha perda dramática da inocencia infantil.

As sesións no cinema de Ribadaínsua serán camiño de coñecemento do mundo real que se lle oculta. Ten o cinema pola cousa máis fermosa e importante da súa vida, o que lle di como é o mundo de verdade, o que está alén de Ribadaínsua.Novela de longo alento, traballada ao longo de máis de quince anos, A nena do abrigo de astracán reflicte un mundo que, aparentemente afastado, dá explicación de como todo se constrúe e controla desde a toma do poder e o dominio do territorio onde se exerce. Obra memorable e conmovedora, sitúa ao seu autor como un dos clásicos contemporáneos da nosa narrativa.

Pioneiras, Anair Rodríguez

Unha das primeiras correspondentes de guerra foi galega, tamén unha das primeiras navegantes, escritoras ou directoras dun xornal. Este libro fala de doce mulleres que conseguiron vencer as barreiras impostas ao seu xénero e dar os primeiros pasos por vieiros transitados ata ese momento só por homes. Mulleres reais e diversas que no seu día foron pioneiras en diferentes ámbitos e cuxas historias merecen ser coñecidas e postas en valor.

Historias de Vigo, Jorge Lamas

Máis de douscentos mil anos de ocupación nesta beira do Atlántico dan para moitas historias que nalgúns casos teñen nomes e apelidos. Aínda así non son poucos os vigueses que descoñecen o seu pasado e as orixes dalgúns dos seus símbolos de identidade. «Historias de Vigo» pretende ser unha sinxela e amena guía para percorrer eses espazos que o vertixinoso crecemento desta cidade foi deixando no esquecemento coma unha peaxe do progreso. Nesta viaxe pola «viguesidade», o lector estará acompañado por voces expertas e tamén por protagonistas dos acontecementos que verán de axudalo a introducirse nos fitos, na simboloxía local e chegar a algúns dos persoeiros máis interesantes deste recuncho atlántico.É por iso que a narración non pretende ser académica, senón directa e co menor número de voltas posible. Moitos destes acontecementos axudan a comprender mellor a propia actualidade. Como pode acontecer dentro de moi pouco, os vigueses xa saben o que é ir a Madrid pola estrada de Santiago, ou eliminar horas de traxecto en tren indo por Portugal á capital de España. Aínda vai ser certo iso de que a historia sempre se repite!

 

Salir de la versión móvil